sábado. 05.10.2024

“Pola información que nos chega da traballadora social, sabemos que hai familias interesadas”, di Felipe Traveso, alcalde de Sandiás ao Diario do Limia. O Concello que preside vén de abrir a convocatoria para a selección de beneficiarios “en réxime de uso de servizo público” de cinco vivendas a través dun alugueiro social, segundo informa hoxe o Boletín Oficial da Provincia (BOP). 

O prazo para presentar as solicitudes é de 15 días naturais; é dicir, até o próximo venres 15 de abril, mais cómpre lembrar que os días 14 e 15 de abril son festivos e inhábiles para o rexistro nas oficinas municipais. Os requisitos (e o modelo de solicitude) para acceder ás vivendas ofertadas pódense consultar aquí: BOP Xoves 31 de marzo 2022.

“As vivendas destinaranse a domicilio habitual e permanente de quen resulte seleccionado”, sinala a convocatoria. Poderán acceder as persoas ou familias que “pola súa situación familiar ou polos seus escasos recursos”, non poidan acceder a unha vivenda de alugueiro a prezo de mercado. Entre os requisitos: ser veciña ou veciño do concello de Sandiás, non ter vivenda ningunha en propiedade ou arrendada e estar ao corrente do pagamento de todas as obrigas tributarias.

O baremo incluirá valoración de circunstancias persoais e familiares, como discapacidades ou ingresos da persoa ou unidade familiar. Unha vez puntuadas as solicitudes polos Servizos Sociais municipais, confeccionarase unha lista provisional que se fará pública no taboleiro de anuncios do concello, e haberá 10 días para presentar alegacións.

Unha vez rematados estes trámites, o alcalde espera que “nun mes” poidan quedar distribuídas as vivendas. As arrendatarias deberán pagar ao Concello de Sandiás un canon mensual para cubrir os gastos “de conservación e mantemento dos inmóbeis”.

NOTICIAS A LIMIA | Sandiás pon cinco vivendas en alugueiro social