Con motivo do Día Mundial dos Humidais, conmemorado o 2 de febreiro, a Sociedade Galega de Historia Natural levará a cabo mañá unha actividade na que se darán a coñcer algúns dos traballos realizados pola Sección Antela na Limia. A xornada, que durará todo o día, terá o seu punto de encontro para os asistentes en Sandiás.
O punto de partida terá lugar, para as visitas da mañá ás 9:45 horas e, para as da tarde, ás 16:00 horas, ámbalas dúas diante do Concello de Sandiás. A partir de aí comezará a actividade que se desenvolverá ao longo do día. Pola mañá, os participantes poderán coñecer o traballo feito pola Sección Antela no humidal Antonio Villarino, propiedade da Sociedade Galega de Historia Natural en Trasmiras, e na Veiga de Gomareite, situado no extremo norte da antiga Lagoa de Antela en Vilar de Barrio.
Os asistentes verán de primeira man o que se conseguiu nestes espazos marxinais da Limia que foron recuperados, sen que se perxudique á actividade productiva. Pola tarde, a visita trasladarase ás areeiras de Sandiás, nas que se poden avistar diferentes especies de animais e se coñecerán os proxectos que alí se están a levar a cabo.
A xornada rematará ás 18:30 horas na "Casa da Lagoa", en Sandiás; cunha charla impartida poloa presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González.
Esta actividade, ademais de conmemorar o Día Mundial dos Humidais, tamén forma parte do programa de eventos que conmemoran o 50 aniversario da Sociedade Galega de Historia Natural, que cumpre medio século este 2023. O seu traballo ao longo de toda a comunidade serve para protexer o entorno e, no caso da Limia, contan coa Sección Antela dende hai máis dunha década.