O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas, visitou esta mañá a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Sarreaus, unha das 69 entidades beneficiarias da última resolución das axudas para apoiar nos gastos de funcionamento das AVPC de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de concellos da provincia de Ourense.
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinou preto de 135.000 euros na provincia de Ourense dentro desta convocatoria, que a nivel autonómico alcanza os 370.000 euros, mantendo o orzamento do pasado ano, cando xa se incrementara a contía en 30.000 euros respecto a exercicios anteriores.
Segundo explicou Manuel Pardo, estas axudas poden destinarse a necesidades como equipamento e vestimenta de uniforme, equipos de prevención e protección, custos de actuacións, gastos de conservación e mantemento das bases, aplicacións informáticas e de comunicacións, seguros do persoal voluntario, formación dos membros ou equipamento informático e de comunicación.
O delegado territorial subliñou que, ademais destas axudas directas, a Xunta reforza anualmente o material das AVPC mediante convocatorias específicas de equipamento. Só a través da orde de material de 2025 cedéronse 35 kits de material loxístico de seguridade viaria, 32 kits de ferramentas eléctricas e 10 tendas de campaña para emerxenciasa concellos galegos con AVPC. O investimento total da Xunta nas AVPC da comunidade supera os 20 millóns de eurosnos últimos anos, dos que 15,4 millóns se destinaron a equipamento e 5 millóns a custos de mantemento. O investimento global en material e recursos de emerxencias supera os 28 millóns de euros desde 2015.
A formación do persoal voluntario realízase a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), cunha inversión que supera os 3 millóns de euros nos últimos anos.
Entre as 69 entidades beneficiarias figuran as AVPC de municipios como Allariz, Sandiás, Sarreaus, Verín, Xinzo de Limia, Laza, Celanova, Ribadavia e moitos outros concellos ourensáns, así como as agrupacións mancomunadas de Cortegada-Padrenda e Cualedro-Monterrei, e as Mancomunidades do Ribeiro e Terra de Celanova.
