jueves. 25.04.2024

A Consellería de Medio Rural informa nunha nota emitida este martes, con datos recollidos até as 08:00 horas da situación dos incendios no país. En Oímbra seguen activos os lumes nas parroquias de Rabal e San Cibrao. O primeiros afectou xa a 750 hectáreas e ameazou os núcleos de Rabal e Mandín. Acaba de se desactivar o nivel de alerta 2. En San Cibrao, o incendio que procede de Portugal tamén estivo en nivel 2 e leva arrasadas 400 hectáreas. 

Onte, o Diario do Támega, destacaba a media tarde a desfeita: "O lume portugués que cruzou a fronteira pasadas as tres da tarde cara Rabal, en Oímbra, e Mandín, en Verín, xa deixa un balance desolador e 130 hectáreas queimadas. En pouco tempo e co apoio do forte vento, os danos materiais non tardaron en chegar. Dous vehículos e o material dunha vivenda en construción son parte deles e calcináronse ante a impotencia dos veciños que pouco puideron facer. A maior perda que xa ocasionou este lume é a morte dalgúns animais domésticos que se atopaban nas vivendas, moitas delas segundas residencias nas que non se atopaban os donos. As lapas cercaron especialmente Mandín, polo que entre outros danos hai peches de fincas tamén afectados".

Pola noite, o Diario do Támega informaba: "A noite prevese complicada na comarca para loitar contra os incendios, especialmente en Oímbra. Nas últimas horas o lume volveu zoar con forza na parroquia de San Cibrao trala reactivación dun lume que estaba "estabilizado". Medio Rural acaba de solicitar o nivel 2 de emerxencia pola proximidade das lapas ás vivendas".

diairo do tamega. Oímbra
Imaxe dun dos lumes que afecta Oímbra. | FOTO: Diario do Támega

En Ourense está activo e en nivel de alerta 2 o incendio da parroquia de Riodolas, en Carballeda de Valdeorras, que afectou varias aldeas e a esta hora ameaza o núcleo de Candeda. O lume chegou ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Van arrasadas 7.500 hectáreas. 

En Videferre (Oímbra) quedou estabilizado pouco antes das 03:00 horas outro lume que entrou desde Portugal e afectou 350 hectáreas. O incendio de Ribadavía, que se iniciou a fin de semana, está en situación de controlado e afectou a 65 hectáreas.

O incendio de Pradoalbar, dentro do Parque Natural do Invernadeiro, que leva arrasadas 2.650 hectáreas, segundo as estimacións de Medio Rural, segue activo este martes.

LUMES. Valdeorras
Recreación satelital dos incendios en Valdeorras, que afectan ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.

No Folgoso do Courel (Lugo) está activo e en nivel de alerta 2 o lume de Vilamor-Saa (xuntáronse catro incendios procedentes de cada unha das dúas parroquias) que ameazan os núcleos de Montes, Carballal e Busto. A superficie afectada estimada é de 4.900 hectáreas. Tamén en Folgoso do Caurel segue activo e con nivel 2 o incendio de Seceda, que ameaza o núcleo de Gamiz. Van 1.100 hectáreas arrasadas.

Na provincia de Lugo están activos os incendios de Ramil, Cereixedo e Noceda. Con 540 hectáreas afectadas entre os tres. Permanecen estabilizados os de Domís e Nocedo. Afectadas 90 hectáreas entre ambos. E en situación de controlados os de Outeiro e Antas de Ulla, cun total de 290 hectáreas.

Na provincia de Pontevedra está en situación de controlado o incendio de Guillar, en Rodeiro, que queimou 200 hectáreas segundo os cálculos da consellería.

LUMES. Invernadeiro 1
O lume de Pradoalbar xa consumiu 2.650 hectáreas do Parque do Invernadeiro.

ALARMA POLOS INCENDIOS | As lapas arrasaron xa 12.000 hectáreas en Ourense e 7.000 en Lugo