martes. 09.06.2026

O casco histórico de Ribadavia converterase nesta ponte de decembro no epicentro da artesanía e a revitalización comercial de Galicia. Tras o éxito acadado na pasada edición, que congregou a máis de 8.000 visitantes, a vila acolle por segundo ano consecutivo o evento "Artesanía, Saber e Sabor". Esta iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia, desenvolverase entre o 5 e o 8 de decembro e servirá, ademais, como punto de partida para o proxecto pioneiro "Vilas Vivas", enmarcado no Plan Estratéxico de Comercio de Galicia 2025-2030.

Este mercado supón o arranque dunha experiencia piloto innovadora deseñada para recuperar e rehabilitar baixos comerciais en desuso en zonas de alto valor patrimonial. Aínda que o obxectivo é acadar os 15 locais operativos en 2026, xa nesta edición abrirán as súas portas nove espazos. Deles, tres son negocios adxudicados que inician a súa actividade permanente a partir do día 5: Colmado de Sabores (Rúa Banda A Lira, 1), Pura Vila (Rúa Rodríguez Moure, 17) e A Tafona do Camiño (Xudería, 14). Os locais restantes acollerán propostas artesanais durante o evento e manterán a súa apertura durante o Nadal en sinerxía co comercio local.

O mercado "Artesanía, Saber e Sabor" contará coa presenza de 14 obradoiros da marca Artesanía de Galicia e permanecerá aberto o venres de 16:00 a 20:00 horas, e o resto de días (sábado, domingo e luns) en horario de mañá e tarde, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Os expositores distribuiranse en dúas zonas: na Igrexa da Madalena estarán Amora (lá e papel), Barreiros Artesanía, Boro, Ceibe Madeira, Cerámica Unzueta, Enxógate, Leónlagata, Lia B, María Aba e Zeltia ao aire; mentres que na rúa Banda da Lira situaranse Félix de Martín, Julia Vilariño, Alberto Lista e Mimacuir.

A oferta complétase cunha intensa axenda de formación que inclúe obradoiros gratuítos sen inscrición previa. Na Rúa Rodríguez Moure, 7, Peixesapop impartirá sesións de cianotipias (día 5), encadernación xaponesa (día 7) e estampaxe téxtil (día 8). Pola súa banda, Nai Diseños ofrecerá un obradoiro colaborativo de pezas téxtiles de decoración na Igrexa da Madalena durante todo o evento. Ademais, ofértanse cursos especializados con inscrición previa a través da web de Artesanía de Galicia: Félix de Martín impartirá iniciación á sombreirería (50 euros); Julia de la Cal ofrecerá obradoiros de cestería e vimbio para crear árbores, adornos e bandexas (20 euros); e Sonia Álvarez, do obradoiro Olueis, ensinará decoración floral para coroas e centros (20 euros).

No apartado gastronómico, a Praza Maior acollerá o espazo de Artesanía Alimentaria da Consellería do Medio Rural, cunha carpa onde se situarán 32 produtores, unha zona de catas con 14 adegas da Denominación de Orixe Ribeiro e unha área infantil. Ademais, na rúa Yáñez habilitarase a zona de degustación "Cousas ricas". A animación musical correrá a cargo dos pasarrúas do Cuarteto Milagriños (día 6), Os Carunchos (día 7) e Brigadiers (día 8). Así mesmo, realizaranse sorteos diarios de produtos ás 14:00 e ás 20:00 horas, e o comercio local de Ribadavia terá o seu propio espazo na Alameda cun horario estendido de 11:00 a 21:30 horas

Ribadavia, piloto do plan da Xunta para recuperar locais baleiros a través da artesanía