martes. 09.06.2026

A provincia de Ourense desprega a alfombra vermella da súa historia e paisaxe ante o mundo. Nunha ambiciosa iniciativa enmarcada no Plan de Dinamización da Vía da Prata-Camiño Mozárabe, a Deputación de Ourense a través do Inorde organiza unha viaxe de familiarización para que turoperadores e prensa especializada coñezan de primeira man a riqueza deste itinerario xacobeo.

A viaxe, que se celebra en colaboración con Fairway (Fórum do Camiño de Santiago), non busca só mostrar camiños, senón desvelar a oferta diferenciadora da provincia: a calidade dos aloxamentos, a autenticidade da gastronomía e a beleza do patrimonio do territorio. O obxectivo final é claro: que a experiencia vivida se traduza en paquetes especializados que impulsen a comercialización desta ruta xacobea nas canles internacionais, convertendo a beleza e a autenticidade de Ourense nun destino imprescindible no mapa mundial do Camiño de Santiago.

Os participantes, procedentes de mercados tan diversos como Estados Unidos, Brasil, Indonesia e Sudáfrica, ademais de España, embarcarán o xoves 6 de novembro nun intenso programa que é un paseo pola historia de Ourense. Percorrerán a Vía da Prata antes de asistir a Farway, o gran foro de profesionais do Camiño que celebra a súa sexta edición do 9 ao 11 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago). Conta con feria, actividades abertas ao público, workshop, congreso, programa de formación e feira de emprego.

Un percorrido de fortalezas, mosteiros e camiñadas

O roteiro arrincará na historia monumental de Monterrei, coa visita á Fortaleza e a Santa María de Mixós, antes de probar a cociña de Verín. O camiño levaraos pola Colexiata de Xunqueira de Ambía e a vila de Allariz, onde o Museo de Arte Sacra de Santa Clara e a Igrexa de Santiago son paradas obrigadas.

A experiencia va máis alá da contemplación; os viaxeiros tamén realizarán tramos camiñando, como o que os achegará ata o Forno da Santa e o Castro de Armea, explorando as variantes do Camiño de Verín. A viaxe continuará desvelando xoias como o Mosteiro de San Salvador e a Capela de San Miguel en Celanova e o Pazo de San Damián.

O corazón da provincia agarda coa visita á Catedral e as rúas da cidade de Ourense o sábado 8, a ponte Romana e a degustación gastronómica final. O percorrido culminará coa visita ao o Mosteiro de Oseira en San Cristovo de Cea e ao templo da Vera-Cruz, O Carballiño, antes de partir cara a Santiago para participar en Fairway.

A Vía da Prata ábrese ao mundo: catro continentes exploran a esencia do Camiño en Ourense