miércoles. 29.07.2026

PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu apoio e suma a súa participación á manifestación convocada pola Plataforma pola Sanidade Pública o vindeiro 1 de agosto, ás 19:30 horas, con saída dende o centro de saúde de Verín, en defensa da sanidade pública e do Hospital Comarcal. As e os socialistas animan á veciñanza de Verín e de toda a comarca a participar masivamente nesta mobilización para defender os seus dereitos e reclamar unha atención sanitaria “digna, próxima e de calidade”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro do Grupo Socialista na Deputación, Álvaro Vila, subliña que “o 1 de agosto temos que saír á rúa para defender o Hospital de Verín e para dicirlle á Xunta que a veciñanza da comarca non vai aceptar que se siga desmantelando a súa sanidade pública”.

“Estamos falando de servizos que se perderon, de especialidades que non están cubertas, de listas de espera que se alongan e de pacientes que teñen que desprazarse fóra da comarca para recibir atención sanitaria. Isto non é unha fatalidade nin algo inevitable: é o resultado das decisións e da falta de planificación do Goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia”, denuncia Vila.

O PSdeG-PSOE alerta da situación que atravesa o Hospital Público de Verín e reclama á Xunta de Galicia e ao Sergas que adopten medidas inmediatas para frear a perda progresiva de servizos e capacidade asistencial do centro hospitalario. Desde a pandemia, o centro perdeu o servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) e a Clínica da Dor foi trasladada a Ourense, obrigando numerosos pacientes a realizar desprazamentos fóra da comarca para recibir tratamentos e atención especializada.

A esta situación súmanse os atrasos nas listas de agarda de especialidades como Oftalmoloxía e Neuroloxía, así como a derivación de intervencións cirúrxicas á sanidade privada. Ademais, desde finais de 2024 o hospital permanece sen profesional de Cardioloxía, unha situación que as e os socialistas consideran “inaceptable nun centro hospitalario que debe garantir a atención sanitaria da poboación de toda a comarca”.

“Non se pode falar de igualdade de oportunidades mentres unha persoa que vive en Verín ten que desprazarse a Ourense para recibir servizos que antes tiña no seu hospital ou mentres se deixa sen cubrir unha especialidade tan importante como Cardioloxía”, afirma o secretario provincial socialista. “A Xunta está convertendo a distancia e o lugar de residencia nunha barreira para acceder á sanidade pública, e iso é especialmente grave nunha provincia como Ourense, cunha poboación moi envellecida e cun territorio eminentemente rural”.

Neste contexto, os socialistas destacan o labor da Plataforma pola Sanidade Pública, que desde o mes de xuño mantén concentracións todos os mércores ás 12:00 horas diante do Hospital de Verín e que, ante a falta de resposta da Administración, decidiu dar un paso máis coa convocatoria da manifestación do 1 de agosto.

Álvaro Vila agradece “o compromiso e a perseveranza da Plataforma pola Sanidade Pública e de todas as persoas que levan semanas mobilizándose para defender o seu hospital”. “A cidadanía está facendo o que lle corresponde, que é reclamar os seus dereitos. Agora o que ten que facer a Xunta é escoitar, actuar e poñer enriba da mesa solucións”, engade.

“Esta manifestación non é contra ninguén, é a favor da comarca, a favor do Hospital de Verín e a favor dunha sanidade pública que garanta os mesmos dereitos para todas as persoas, vivan onde vivan”, sinala Vila. “Por iso facemos un chamamento á participación. O 1 de agosto temos que ser moitos e moitas nas rúas de Verín para defender o que é de todos e de todas”.

Os PSdeG de Ourense chama á mobilización do 1 de agosto para defender o Hospital de Verín