O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, avanzou as claves da proposta económica que rexerá a acción de goberno provincial durante o próximo ano. Segundo anunciou na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, a institución contará en 2026 cun orzamento de máis de 110,4 millóns de euros (110.475.000).
Esta cifra supón un incremento do 5,11 % con respecto ao exercicio actual, engadindo 5.375.000 euros máis ao diñeiro destinado a financiar as políticas provinciais. Os orzamentos presentaranse para o seu debate e aprobación no pleno do próximo 28 de novembro.
O municipalismo como columna vertebral
A "columna vertebral" destes orzamentos, segundo Menor, seguirá a ser o Plan CooperOU, que se consolida cunha subida ata os 19 millóns de euros, un millón máis que neste ano. O presidente provincial puxo en valor o compromiso do seu mandato de dar aos concellos a estabilidade e seguridade financeira que necesitan, mantendo a autonomía municipal na priorización dos obxectivos.
Luis Menor subliñou o crecemento sostido deste plan de cooperación, que pasou de 7 millóns en 2023 a 17 millóns en 2024, para alcanzar agora os 19 millóns e co obxectivo de chegar a 20 millóns en 2027. En total, a Deputación destinará 69,7 millóns de euros ao financiamento directo das entidades locais, referendando unha "decidida e firme aposta polo municipalismo".
Crítica ás regras fiscais e a axuda fronte aos lumes
Durante a súa comparecencia, o presidente provincial lamentou non poder dispoñer de máis recursos para axudar aos concellos, criticando as "regras fiscais absolutamente inxustas" reactivadas polo Goberno central. Sinalou que, a pesar de dispoñer dun remanente de 24 millóns de euros, só se puideron mobilizar 6,2 millóns.
Menor cualificou a situación como inxusta, especialmente cando a Deputación conta con "débeda cero e está absolutamente saneada" e cando os concellos precisan máis axuda "logo da traxedia vivida en verán polos lumes forestais". Neste sentido, destacou que a Deputación aprobou unha modificación de crédito de máis de 6,2 millóns, dos que 6,1 millóns irán a 191 iniciativas municipais en concellos de menos de 20 000 habitantes relacionadas cos efectos dos lumes e a atención a servizos públicos e necesidades de financiamento.
A repartición entre concellos dos máis de 6,1 millóns baséase en tres criterios. Por unha parte as achegas destinadas aos concellos afectados de modo grave ou importante polos lumes forestais deste verán, cunha porcentaxe en función da superficie queimada que vai desde os 100.000 euros para os municipios máis afectados, ata os 55 000 para aqueles que resultaron afectados en menor medida pero sempre de modo importante. En segundo lugar establécese unha distribución lineal por poboación de cada concello, con cantidades que van desde os 30 000 ata os 50 000 euros. O terceiro criterio refírese ás necesidades especiais de cofinanciamento que teñen os concellos para proxectos en cuxa execución participan outras administracións.
Luis Menor defendeu que a Deputación é unha administración "rigorosa e que cumpre" presentando o seu orzamento a pesar da incerteza sobre o financiamento estatal, mantendo un compromiso firme co municipalismo, a pesar dos desafíos e as limitacións impostas.
Outras claves dos orzamentos para 2026
O mantemento dos 1850 quilómetros da rede provincial de estradas contará con 4,5 millóns, con previsión de sumar máis na modificación de crédito de abril, alcanzando unha cifra histórica de investimento neste mandato. Incorpóranse novas axudas trala recente aprobación do Plan Provincial de Vivenda, con 500 000 euros para rehabilitar vivendas que se destinen a aluguer ou uso social en municipios de menos de 20 000 habitantes.
Outra liña de axudas destacada é o programa EmprendOU en feminino, que acaba de resolverse na convocatoria deste ano cun orzamento de 100 000 euros, e que contribuirá a que 74 mulleres poñan en marcha os seus proxectos empresariais. Tampouco faltará o apoio ao mundo educativo, mantendo os convenios de colaboración coa Universidade de Vigo (en materia de turismo e cultura), así como o compromiso coa cultura, subliñando a próxima edición do Ourense Film Festival.
Destaca o esforzo económico que suporá a recollida, transporte e tratamento do lixo -única deputación galega con xestión directa neste labor- cun custo de 9 millóns de euros para atender a dous terzos dos concellos ourensáns. Tamén a modificación de crédito referida ao orzamento do Consorcio para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, por importe de 505 000 euros que serán destinados a actuacións en instalacións, maquinaria ou programas de xestión de emerxencias.
O presidente da Deputación quixo tamén poñer de relevo "factores diferenciais" da provincia que terán a súa pegada nas contas provinciais. Algúns compartidos como a Ribeira Sacra, confiando no éxito da candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco en 2026; outros como o AVE, malia a eliminación de frecuencias na estación da Gudiña, supresión pola que o pleno provincial aprobou unha reprobación ao ministro Óscar Puente; e un máis singular como o termalismo, potenciado desde a perspectiva da saúde física e mental con diferentes modalidades de programas e con maior atención ás persoas máis vulnerables.
