viernes. 04.10.2024

No marco da colaboración entre o CDR O Viso e o grupo Xacobeando da comarca da Limia, a entidade limiá convoca mañá xoves á veciñanza a unha andaina polo Camiño de Santiago entre Boado e Xinzo de Limia. O percorrido é de 4 quilómetros e non é preciso inscrición previa. A saída está prevista para as 09:45 horas.

O punto de partida será o Cruceiro de Boado e a proposta e camiñar un tramo da ruta xacobea até o Albergue de Peregrinos de Xinzo de Limia. Ao remate da camiñada, O Viso convida ás participantes a un refrixerio na sede do CDR na rúa da Ladeira, en Xinzo.

“Está prevista a asistencia dos grupos, sobre todo, de mulleres que participan nas actividades do Centro de Inclusión Lodoselo e persoas voluntarias do CDR”, informan desde O Viso. E engaden que nestes dous meses de verán, o CDR e o programa Xacobeando, un proxecto de voluntariado de corta duración no marco do programa do Corpo Europeo de Solidariedade, cooperaron para lle dar un valor engadido ao Camiño “inclusivo, sostible, dixital, hospitalario, intercultural e seguro” neste ano Xacobeo. 

Este mesmo luns, nun acto no Concello de Xinzo de Limia, a alcaldesa, Elvira Lama, e varios concelleiros, despediron aos voluntarios españois e internacionais que participaron no Xacobeando na Limia.

NOTICIAS A LIMIA | Andaina aberta este xoves desde Boado até o Albergue de Peregrinos...