Venres. 29.03.2024

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e as alcaldesas e alcaldes en representación de vinte concellos da provincia asinaron esta mañá o primeiro convenio de Administración con acompañamento dixital, “polo que a cidadanía sen habilidades ou acceso ás novas tecnoloxías poderá solicitar desde os servizos sociais do seu propio concello as axudas e servizos que ofrece a área de Benestar da Deputación”, informou a entidade provincial nunha nota de prensa.


Entre os vinte concellos que se incorporan a este programa deseñado contra a exclusión dixital están os dos Blancos, Calvos de Randín, Sarreaus, Trasmiras e Xinzo, representados polos seus respectivos alcaldes e alcaldesa no acto protocolario de firma do acordo este mércores na sede da Deputación.


O presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar considerou o acto “realmente importante, porque isto é cooperación e vai na andaina de prestar os mellores servizos públicos ás persoas e colectivos en risco de exclusión dixital”. 


No comunicado, a Deputación subliña que a veciñanza “será atendida no seu concello pero como se a solicitude fose tramitada pola administración electrónica, unindo atención persoal con tratamento dixital”. 


O programa, informa a entidade provincial, comezará a funcionar o próximo venres, 1 de xullo, “e nesta semana un total de 34 técnicos municipais dos concellos asinantes serán dados de alta no sistema de acompañamento dixital. Así quedarán acreditados para cumprimentar dixitalmente as solicitudes, imprimilas e axudar ao cidadán para que as presente fisicamente no rexistro electrónico do seu municipio”.


Esta iniciativa, engade a Deputación, complétase cun proxecto piloto que a próxima semana porá en marcha a área de Benestar, “coa apertura na súa sede dunha oficina con administración híbrida para cidadáns sen certificado dixital”. Ademais, “crearase un grupo de traballo contra a exclusión dixital para seguir perfeccionando a resposta da Deputación ante os aspectos máis negativos derivados da transformación dixital das administracións públicas”.

NOTICIAS A LIMIA | Os Blancos, Calvos, Sarreaus, Trasmiras e Xinzo facilitarán a...