A Rede Provincial de Centros de Recollida de Animais Abandonados, con canceiras en Xinzo de Limia, O Carballiño, Muíños e A Rúa, e que presta actualmente servizo a 81 concellos ourensáns, recolleu o ano pasado 532 cans.
Até 128 cans foron recollidos polos traballadores da rede provincial e foron entregados aos seus donos. Ademais, asináronse 442 adopcións, un 11,2% máis que en 2020.
A comisión de seguimento do convenio entre a Deputación e os concellos que teñen delegado o servizo de recollida de animais abandonados, informou esta semana que case todos os animais recollidos logran adopción nos 60 días posteriores, e máis do 60% nos primeiros días.
O vicepresidente segundo de Deputación, César Fernández, á fronte da comisión, resaltou o alto nivel do servizo e o bo traballo destas asociacións, segundo informa o organismo provincial nun comunicado de prensa publicado onte sábado.
A comisión definiu como “excelentes” estes resultados, grazas en parte á actuación das propias asociacións protectoras e, en menor grao, de particulares, que median en máis do 95% das adopcións.
Entre outros puntos resoltos nesta sesión, informouse favorablemente da modificación da ordenanza fiscal reguladora das taxas de adopción, para bonificar ao 100% as taxas de adopción das asociacións colaboradoras coa Deputación de Ourense: Agallas, ligada ó centro de acollida de Xinzo e Arume, no Carballiño.