jueves. 25.04.2024

Os nove deputados e deputadas provinciais do PSdeG que peregrinaban á capital española mantiveron onte un encontro co voceiro do PSOE no Congreso, Héctor Gómez, para informarlle da preocupante situación de caciquismo do goberno provincial.

Na xuntanza estiveron acompañados por outros deputados, deputadas, senadores e senadoras. Alí amosaron a “preocupante tómbola caciquil” na que está sumida a Deputación Provincial de Ourense. Unha situación na que denuncian que se está a realizar un reparto “permanente” de fondos públicos “a dedo” entre os concellos gobernados polo PP, xa que “nove de cada dez euros desta institución acaban en municipios gobernados polo PP a través de acordos discrecionais, unha situación anómala en todo o Estado”.

Os deputados e deputadas reclamaron a “necesidade” de modificar a lexislación vixente, para que estas institucións “teñan que executar unha distribución equitativa e xusta” entre todos os municipios “ao igual que o financiamento recibido por estes entes provinciais tamén é plenamente democrático, equitativo e xusto”.

Insisten en que “e necesario que, a lo menos, unha parte dos fondos públicos que executan as deputacións, sexan transferidos directamente aos municipios mediante criterios obxectivos determinados claramente na lexislación”.

Ao longo dos vindeiros meses está previsto iniciar unha reforma da normativa sobre financiación das comunidades autónomas e da lexislación sobre os entes locais co fin de regular estes asuntos económicos, entre outras cuestións.

NOTICIAS A LIMIA | Os deputados do PSdeG expoñen ás Cortes "o reparto caciquil" de Baltar