viernes. 26.04.2024

A Asociación de Alzhéimer de Ourense (Afaor) e a concellería de Servizos Sociais do Concello de Xinzo arrancaron hoxe en Ganade o programa de obradoiros contra o deterioro cognitivo destinado a persoas maiores de 64 anos. No centro social da parroquia, reuníronse esta tarde 20 dos 23 inscritos no taller. Durante os próximos tres meses, cada xoves, haberá unha sesión de hora e media para realizar exercicios de adestramento da memoria e outras habilidades.


A intención de Servizos Sociais  é crear dous novos grupos nas Lamas e en Rebordechá nas próximas semanas. A idea inicial de formar un grupo tamén en Xinzo quedou aparcada, dado que Afaor está a desenvolver unha iniciativa similar no Centro sociocomunitario e desde o Concello consideran que este tipo de servizo está cuberto


Polo momento, o persoal de Servizos Sociais segue traballando para conseguir o número mínimo de inscritos, dez, para arrancar cun novo grupo. En Ganade, onde hai anos que deixou de ter actividade a asociación de mulleres, o traballo de captación "foi rápido", indican. "A xente respondeu moi ben, tiñan ganas de se xuntar".


E manter viva a comunidade é outra das potencialidades destes obradoiros que teñen en conta en Afaor. A resposta inicial en Ganade superou as expectativas, "veremos se ten continuidade as seguintes semanas", din en Servizos Sociais. En calquera caso, a data e o horario das reunións serán flexíbeis, na medida en que unha defunción ou outros acontecementos poden afectar á dispoñibilidade das usuarias e usuarios.

Centro social de Paradela, este xoves
Conferencia no centro social de Paradela, este xoves. | FOTO: Escola de Saúde Rural

DE ROSALÍA A NÓS

Por outra banda, e dentro das actividades do 8M e da promoción da igualdade este mes de marzo, este xoves celebrouse en Paradela de Abeleda (Porqueira) a conferencia De Rosalía a nosotr@s. La mujer sin habitación propia, impartida pola psicóloga Rosa Tujillo e organizada pola Escola de Saúde Rural da Limia.


A próxima semana, na sede da Escola na Casa da Cultura de Xinzo terá continuidade o programa de conferencias cunha charla sobre as mulleres maiores e o avellentamento, e para o día 24 está prevista a conferencia do director do CIM de Xinzo, José Luis Saburido.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo pretende ampliar os obradoiros de memoria ás Lamas e Rebordechá