jueves. 25.04.2024

O Concello de Xinzo de Limia vén de solicitarlle á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para pór en marcha un obradoiro de emprego na Vía da Prata do Camiño de Santiago, e máis concretamente en Xinzo e Sandiás.

Ambos concellos unirán as súas forzas para implantar as políticas activas de traballo da Xunta de Galicia, creando unha agrupación para a xestión compartida do programa de emprego e formación, que contará con 16 alumnos traballadores durante un período de nove meses. Ademais de favorecer á inserción laboral, con esta iniciativa preténdese revalorizar esta parte do Camiño.

Concello de Xinzo de Limia

O obradoiro consistirá en dúas actuacións que se levarán a cabo na vila, na que oito empregados se adicarán a albanelería e outros tantos á xardinería. Isto ten como finalidade a mellora da pavimentación e accesibilidade no Camiño e a rehabilitación dunha área degradada á beira do río Limia, ao lado do parque da Seara e a estrada de Baltar, para convertela en parque urbano.

Na primeira intervención inclúense os labores para o arranxo do piso, coa substitución de lousas do parque do Pombal e o mantemento do xardín de flores deste; determinando o estado sanitario das plantas e aplicando métodos de control sanitarios. Tamén se pretende mellorar as beirarrúas para facilitar a accesibilidade na Ruta da Vía da Prata; así como a plantación de árbores na rúa Rosalía de Castro.

No que respecta á recuperación da área degradada á beira do Limia, que antes era unha escombreira, proxéctanse obras para construír un novo servizo de esparcemento dos peregrinos, así como unha bancada no desnivel; que pretende funcionar como punto de parada e tamén de reunión ao aire libre, ademais da creación dun novo xardín. Estes traballos de rehabilitación están sometidos á autorización previa da Confederación Hidrográfica Miño Sil, e nas dúas actuacións será necesario o informe e a autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio, por ser Camiño de Compostela.

Concello de Sandiás

Aquí as tarefas consitirán, basicamente, en mellorar o ornato público, adecuar as beirarrúas e levar a cabo os labores de desbroce, poda e limpeza para adaptar as beiras do Camiño. Está previsto que se realicen traballos en Vilariño das Poldras, Sandiás, Piñeira e Couso da Limia. Nos tramos do Camiño entre núcleos de poboación quérese facer unha intervención forestal e de xardinería, co obxectivo de mellorar o tráfico de peóns. 

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo e Sandiás únense para revalorizar a Vía da Prata