Xoves. 28.03.2024

As inscricións para participar na xornada Invisibilizadas para a medicina están abertas na páxina do Consello da Cultura Galega (poden tramitarse aquí). O evento celebrarase en xornada de tarde o próximo venres día 23 na Casa da Cultura de Xinzo de Limia e contará coa participación de María Xosé Porteiro, escritora e política, ex concelleira de Igualdade en Vigo e ex deputada socialista no Congreso; Carme Adán, filósofa, ex deputada do BNG en Compostela e autora de Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión (2018); e Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica na sanidade pública e portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental.

A xornada, na que tomarán parte tamén a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, comezará as 16:00 horas e as conclusións e clausura están previstas para as 19:30 horas. 

Invisibilizadas para a medicina ofrecerá unha serie de relatorios e debates a raíz da constatación dun feito: a influencia de estereotipos nos diagnósticos de enfermidades que se viñan considerando como “femininas”. “A consolidación destas ideas erróneas e sen base científica incide na discriminación das mulleres como obxecto da ciencia (...) consolidando o descoñecemento e o estrañamento do propio corpo e os propios síntomas”, expón o programa.

Así, haberá palestras dedicadas a tres exemplos deste tipo de doenzas. Falarase do caso do Essure (violencia obstétrica), da asbestose (producida polo amianto) e da fibromialxia.  

No programa tamén se incorporou unha conferencia sobre a situación laboral desde o punto de vista do dereito, que será impartida polo maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José Fernando Lousada, autor do ensaio Enfermedades profesionales en perspectiva de género.

“Para nós, o máis salientábel é que esta xornada reúne á Administración, con profesionais, movementos sociais e entidades do Terceiro Sector, como a nosa”, din Lola Rico e Rosa Trujillo, na sede da Escola Rural de Saúde da Limia, na Casa da Cultura de Xinzo, que once anos despois da súa fundación, confirma nestas xornadas o recoñecemento de institucións tan relevantes como a Valedoría e o Consello da Cultura, hoxe dirixidas por mulleres. Se o Consello elixiu Xinzo por vez primeira para realizar un dos seus debates ao redor do feminismo e da ciencia foi grazas a elas, a visibilidade que lle están a dar ás mulleres do rural na Limia.

Xornadas 23 set emn Xinzo


O PROGRAMA

  • 16:00 horas. Inauguración, por Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo de Limia; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; e Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo.
  • 16:15 horas. Faladoiro. Presenta e modera: María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia.
  • 16:20 horas. 'Essure, unha historia de violencia obstétrica', palestra a cargo de María Sabela Landín Estévez, presidenta da Asociación de Afectadas de Essure de Galicia.
  • 16:40 horas. 'A asbestose: estudo do amianto con perspectiva de xénero', por Sara González Veiga, gañadora do II Premio Valedora do Pobo para TFG con perspectiva de xénero.
  • 17:00 horas. 'Fibromialxia: dor invisible e xénero, unha mala combinación', por Rosa Cerqueiro Landín, voceira do Movemento Galego da Saúde Mental.
  • 17:20 horas. Coloquio.
  • 17:40 horas. Descanso.
  • 18:00 horas. Relatorio. Presenta e modera: María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo.
  • 18:05 horas. 'As mulleres invisibles', por Fernando Lousada Arochena, maxistrado.
  • 18:35 horas. Relatorio. Presenta e modera: Carme Adán, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CCG).
  • 18:40 horas. 'Historias de vida das mulleres da Limia. A experiencia de coidar-nos', por Lola Rico, coordinadora da Asociación Escola Rural de Saúde da Limia.
  • 19:05 horas. Coloquio.
  • 19:30 horas. Conclusións e clausura.

NOTICIAS XINZO | María Xosé Porteiro, Carme Adán e Rosa Cerqueiro, en Xinzo da man do...