sábado. 20.04.2024

"O que nos xunta aquí é o amor", dixo a psicóloga Rosa Trujillo contra o final da presentación de 'Mulleres símbolo do Rural', unha exposición de imaxes de mulleres en carteis que ligan coas súas historias de vida compiladas (nun proxecto que "segue aberto") pola Escola Rural de Saúde da Limia, e que se inaugurou este mércores na Forxa, na Casa do Concello de Porqueira, coa presencia de Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, e Susana Vázquez, alcaldesa de Porqueira.

"Son historias de mulleres das que ninguén fala", explicou a psicóloga, "porque unhas somos máis iguais que outras, porque ademais das diferencias de xénero están as sociais, de clase. E o que tratamos é de poñernos de acordo para conseguir a equidade. Iso é a igualdade".

"Aquí se contan historias de mulleres que abriron as súas vidas en canal", di Lola Rico, coordinadora da Escola. "As historias permiten coñecer si unha vida se enfocou cara o amor, o Eros, ou se enfocou cara a destrución, o Tanatos".

unhas somos máis iguais que outras, porque ademais das diferencias de xénero están as sociais, de clase. E o que tratamos é de poñernos de acordo para conseguir a equidade. Iso é a igualdade" (Rosa Trujillo)

Despois de escoitar a alcaldesa anunciar que a residencia de maiores de Porqueira será ampliada de 24 a 47 prazas e que Pilar, a do Vitorino, unha veciña de Paradela de Abeleda, unha das protagonistas da exposición, será homenaxeada pola pegada que deixou nestas aldeas; despois de que Lola Rico agradecese á secretaria xeral "ter acurtado o camiño entre Santiago e Porqueira polo seu compromiso" e falase da importancia do asociacionismo; despois de que a propia López Abella avanzase que está en trámite o Estatuto da Muller Rural (e da do Mar), empezaron a escoitarse esas historias de mulleres das que poucas veces (esta foi unha delas) se escoita falar.

Falou Matilde Gándara e contou como sendo unha nena traballou nas minas de volframio en Calvos de Randín, casou, tivo fillos, aprendeu a coser, traballou na lousa e Valdeorras e fíxose fotógrafa en Xinzo... a primeira fotógrafa da Limia, a primeira con carné de conducir, a primeira en divorciarse. E contou con humor as razóns daquel divorcio. Matilde Gándara ten 80 anos e podía contar moito máis, pero calou para deixar paso a outras historias.

A alcaldesa, Susana Vázquez, lembrou a parteira da Limia, Genoveva Vázquez. Dixo a alcaldesa que lle contaron que ela foi a última bebé que trouxo ao mundo Genoveva. "Iso din", comentou. E, entre o público, a nai da alcaldesa respondeu: "E din ben. Eu son testemuña".

Expo Muller Rural Porqueira (3)
Rosa Trujillo, este mércores en Porqueira.

Elisa Cadaya, enfermeira, outra das fundadoras da Escola, contou historias máis tristes, como a desas mulleres e homes que morreron no Hospital de Ourense durante a crise da covid en marzo e abril de hai dous anos. "Tanatos, a morte, teño compañeiras, psicólogas reputadas, que non son quen de tratar persoas maiores", confesou Rosa Trujillo, "séntense demasiado preto da morte". "Pero Elisa non, Elisa adora á xente maior. O amor".

Elisa avisou que ía romper a chorar, e chorou. "Despois do que vivín, tiven unha depresión". A covid, aqueles días terríbeis do confinamento e a morte en soidade aínda son unha ferida aberta. Elisa contou como algunhas fillas, cando non se podía abrir o Hospital, "viñan e petaban na fiestra e pedían por favor que as deixase pasar un minuto... non podía, non podía facelo". Algunhas conseguiron ese minuto. Ese minuto que non puido ter Rosa Dacosta, a filla da do Vitorino de Paradela, que enfermou e estaba nun hospital e a nai, noutro. Tampouco Rosa Trujillo, a psicóloga, gozou dese minuto... 

Expo Muller Rural Porqueira (2)
A alcaldesa, Susana Vázquez, durante a inauguración desta mañá en Porqueira.

Rosa Dacosta, humilde, afouta, falou da nai e dixo que eran "todas así, todas elas, as mulleres da aldea, de Paradela de Abeleda", que tamén andaron no volframio, e en todo. Rosa falou pouco. Dixo o que tiña que dicir, e rematou agradecendo os esforzos por recuperar esas memorias. 

"Din que estamos na Galicia profunda, e eu digo que acertan, que é profunda, somos...", concluíu Rosa Trujillo, filla de emigrantes. "Galicia é fonda en sentimento, no amor polas persoas maiores, iso é a Galicia profunda". Moi preto, a secretaria xeral, asentiu. Tamén ela se sente muller rural e di conservar eses valores do rural que aprendeu da súa avoa, en terras de Chantada, facendo queixo nun pocillo "porque tiñan tres vacas".

A inauguración, que foi longa, emotiva e moi concorrida, rematou cunha canción. 

NOTICIAS A LIMIA | Entre Eros e Tanatos na Galicia profunda