martes. 08.10.2024

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, inaugurará pasado mañá mércores en Porqueira a exposición Mulleres símbolo do Rural, organizada pola Escola de Saúde Rural da Limia en colaboración co Concello de Porqueira.

A mostra, que reúne unha serie de fotografías e dez relatos de mulleres do rural, referentes nas súas comunidades, é o resultado dun traballo que subliña a identidade cultural, etnográfica e biográfica das mulleres do rural, concedéndolles "espazo público ás súas contribucións cotiás e históricas", informa a Escola nun comunicado de prensa este luns.

Na inauguración, na Casa do Concello na Forxa, a secretaria xeral de Igualdade estará acompañada pola alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, por Rosa Trujillo e Lola Rico, ambas membros da Escola. 

A exposición será itinerante e terá presenza en Xinzo de Limia, Arnuide, Sarreaus, Baltar e Sandiás, entre as localidades xa confirmadas.

Noutra colaboración da Escola, neste caso co Concello de Sarreaus, mañá martes (18:00 horas, no Forno de sarreaus) terá lugar a primeira das conferencias dunha serie que se dilatará durante o mes de marzo. O director do CIM de Xinzo, José Luis Saburido falará sobre Promoción da igualdade: inquietudes da muller no rural, unha charla que xa impartiu a semana pasada na Casa da Cultura de Xinzo.

As seguintes citas serán os próximos martes, días 22 e 29, no mesmo escenario e co mesmo horario, con dúas presentacións da Escola. A primeira delas, de Rosa Trujillo, baixo o título La mujer sin habitación propia.

AXENDA A LIMIA | López Abella, secretaria xeral de Igualdade, inaugurará unha...