sábado. 20.04.2024

Dirixida por Carla Simón, e con guión da propia directora e Arnau Vilaró, Alcarrás conta durante dúas horas a historia da familia Solé, que durante xeracións cultivou unha gran extensión de pexegueiros, mais que agora está diante da súa última colleita… 

Alcarrás foi definida pola crítica como unha obra coral que contén personaxes complexos e ben perfilados. É unha historia actual que conta o choque entre a agricultura tradicional e a gran industria.

O Cine Gesma ten programados pases para esta fin de semana nos seguintes horarios: venres (22:30 horas), sábado (20:00 e 22:30) e domingo (18:00 e 20:00 horas)

A rodaxe da película, prevista para o verán de 2020, tivo que atrasarse un ano por culpa da pandemia. Rodouse finalmente entre xullo e agosto do ano pasado, na localidade ilerdense de Alcarrás, cun reparto formado por actores non profesionais e traballadores da terra despois dun longo proceso de selección para dar forma á familia Solé, que se reúne para facer xuntos a última colleita.

Os dous últimos pases de Alcarrás serán o martes e o mércores

Álvaro Iglesias na Arca da Noe

A programación musical na Limia para a fin de semana arranca mañá venres na Arca da Noe (Vilar de Santos) co concerto do trío liderado polo contrabaixista Álvaro Iglesias. Será unha cea-concerto a partir das 21:30 horas cun prezo de 20 euros. É preciso facer reserva (no teléfono: 699486282).

Iglesias, formado na música clásica pero que desenvolve a súa carreira no eido da música tradicional galega, participa en bandas como Ardentía, Son de Seu e Rodrigo Romaní. Ten tres traballos en solitario, o último ‘Alma’ (2018), o primeiro disco na historia da música celta no que o instrumento solista é un contrabaixo.

O trío complétano o vigués Xosé Liz (guitarra, bouzouki e frauta) e o portugués Luís Peixoto (mandolina e zanfona), que xa acompañou a outras artistas galegas como Uxía Senlle e Rosa Cedrón.

Álvaro Iglesias, contrabaixo. MÚSICA
Álvaro Iglesias, contrabaixo.

Teatro a partir de textos de Delgado Gurriarán en Xinzo

A Casa da Cultura de Xinzo de Limia será escenario o sábado da representación de Tras o vieiros de Florencio, a cargo da compañía Fantoches Baj. Será o último acto da celebración das Letras 2022 en homenaxe ao autor valdeorrés exiliado en México, ás 20:00 horas e con entrada gratuíta.

Tras o vieiros de Florencio é unha montaxe baseada en poemas de Delgado Gurriarán e textos dunha entrevista que concedeu en 1979 na súa casa de Guadalaxara (México). 

Fantoches Baj. Tras os vieiros de Florencio. Letras 2022. Teatro
Fantoches Baj. Tras os vieiros de Florencio. 


O Mercado de Artesanía regresa a Vilar de Santos este sábado

O Mercado de Artesanía e Produto Local alcanza a súa oitava edición. Organizado polo Museo da Limia, a Arca da Noe e a asociación Limar,  despregarase desde o Museo por todo o casco antigo de Vilar de Santos este sábado a partir das 12:00 horas do mediodía

Ademais dos artesáns reunidos na asociación, que montarán os seus postos no patio do Museo, haberá obradoiros de artesanía de diferentes zonas do país e expositores de gastronomía, entre eles, Carabuñas (marmeladas), Faragullas (pan), Shiitake de Trives (setas) e A Lareca de Cangas (conservas).

AXENDA | ‘Alcarrás’, o filme gañador da Berlinale, desde mañá no Cine Gesma