martes. 08.10.2024

Manuel é un rapaz miúdo, que viste marca, un aro en cada orella, leva unha camiseta de Jordan aínda que non alcanzou a velo xogar, só ten 18 anos. “Téñoo visto xogar en vídeos”, descúlpase. Manuel acabou o Bacharelato, “con boas notas”, e decidiu que o curso que vén estudará Filoloxía Galega en Compostela. Esta fin de semana estreará en You Tube unha nova canción. O domingo actuará nas Festas de Xinzo (Santa Mariña) compartindo o escenario con Ortiga. Manuel é Kid Mount, rapeiro limiao, terceiro na batalla de rap que hai unha semanas, polo San Xoán, se librou nun escenario do barrio do Polígono en Xinzo


“Teño moitas ganas de dar ese concerto o domingo. En Ortiga están uns dos meus referentes: Boyanka Kostova, que fan fundamentalmente trap. Por que o rap e o trap? Eu fago un pouco de todo, creo que o rap e o trap van ser estilos que duren, como pasou como rock ou co pop. Hoxe hai moitos máis medios técnicos ao alcance para facer música de calidade”, di Kid Mount sentado nun café de Xinzo este martes pola tarde mentres toma un sumo de laranxa. Nuns días viaxa a Asturias, “a un festival, como público”. O venres ten estrea. O sábado estará de volta na casa. O domingo actuará na praza de Carlos Casares dentro do Festival Limia Sonora, unha aposta polos músicos do país dentro do programa de festas.


“Fago rap e fágoo en galego. Cando empecei a escribir, fíxeno en galego como algo natural. Falo galego. Non me raiei moito”, explica Manuel, que lembra que o seu irmán maior foi quen lle meteu o gusto no corpo. “Sempre había música e sempre estilos urbanos”. As letras, conta, falan de como se sente. Se triste, se contento, se namorado, se desenganado... Agora está experimentado nun eido que denomina pop-punk. Tamén toca na banda de música. E no escenario acompáñase de Alfre096, “que é quen me está levando da man”, e de Wilson Tavares, “un caboverdiano que mestura ritmos de aquí e de alí”. Os tres estarán o domingo na Carlos Casares, con Ortiga, a partir das once da noite.


O Limia Sonora terá dúas citas. O sábado: a Banda da Loba, La Quinkillada e Lethx Sound. O domingo rap e trap. “A experiencia da batalla de rapeiros foi moi estimulante. Estaba na casa, coa miña xente. O domingo espero que sexa algo parecido, pero tamén con máis público de fóra”, di Kid Mounth, que ten algunha letra de contido político “que aínda non sacarei” e a sorte de ter próximos os seus referentes: O Pirata, Son da rúa, Verto… alén de Boyanka Kostova. 

Kid Mounth (1)
Kid Mount, co cartel das Festas de Santa Mariña e a súa camiseta de Jordan.


Esta primavera xa actuou en Barbadás, Ourense, Maceda e Xinzo. En agosto ten pechada unha data para facelo en Vilar de Barrio. A partir de setembro, chegará Compostela. “Espero que a Universidade e a cidade me axuden a abrirme a máis músicas, a seguir afondando, é o que me gusta, todo o tempo”.


Despois, mentres posa para as fotos, mira o cartel co elenco de grupos e confesa: “gústanme Ortiga e tamén Los Jinetes del Trópico”. Los Jinetes farán a sesión vermú o luns 18, o último día das festas, na Praza Maior.  
 

AXENDA | Kid Mount, rap limiao o domingo nas Festas de Santa Mariña