viernes. 04.10.2024

Jeff Espinoza é un músico californiano que se asentou en España nos anos oitenta, acabou integrando un dos grupos míticos da escena blues estatal, a Vargas Blues Band, e continúa dando guerra cos Gypsy Runners, en colaboracións puntuais ou mesmo en solitario. 


Espinoza estará na Corte dos Bois (Sandiás) este venres, 17 de xuño, ás 21:30 horas nun concerto de entrada libre e prezo a vontade ("á gorra") di o cartel que se fixo público este domingo na páxina de Facebook do local.


Jeff Espinoza tocou por última vez na Corte dos Bois en agosto do 2019, onde debutara o ano anterior. “Sentiuse cómodo e dixo que repetiría unha vez ao ano, a pandemia impediuno e agora cumpre e regresa”, di Xaime, responsábel da programación da sala limiá que recuperou a actividade hai uns meses despois de dous anos sen concertos.


Desta volta Espinoza vén en solitario, co repertorio habitual de clásicos e con temas propios novos. “Volvemos á formula de sempre. Non hai reserva. O concerto é a gorra e até completar aforo”, informa o responsábel da sala. 


Nado en Los Ángeles en 1952, Espinoza estudou composición e bel canto antes de chegar a España en 1980 co grupo No Justice. Despois integrou os Flying Gallardos e foi cantante e letrista da Vargas Blues Band coa que gravaría tres discos entre 1992 e 1995. A finais dos noventa xuntouse con Francisco Simón en Red House. E no 2015 editou o seu primeiro disco en solitario. Os Gypsy Runners son a súa banda actual.

AXENDA | Jeff Espinoza (ex Vargas Blues Band) regresa á Corte dos Bois