viernes. 26.04.2024

“O Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia retoma os seus Concertos Didácticos dirixidos aos nenos da comarca e coa intención de dar a coñecer o traballo que desenrolamos e a oferta educativa que se lles ofrece para poder comezar nas súas vidas nos camiños da música”, informa a dirección do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia nunha nota de prensa difundida este sábado.

Os concertos celebraranse o martes, día 7, e o mércores, día 8. O primeiro día, alumnado e profesorado do Conservatorio trasladarase ao CEIP Carlos Casares para celebrar alí o concerto a partir das 11:00 horas. O mércores, o pase para o CEIP Rosalía de Castro terá lugar na Praza da Música, ao día seguinte á mesma hora.

“Nestes concertos haberá unha representación de todos os instrumentos impartidos no centro para que o público asistente poida ver e escoitar todos eles tocando obras de moi diversos xéneros, dende música clásica, popular, bandas sonoras, música moderna”, explica o Conservatorio.

Cada un dos eventos concluirán coa a Orquestra do Conservatorio interpretando unha serie de obras de diversos autores e épocas, e reunirá a todos os músicos e ao propio público para cantar e tocar xuntos o Himno da alegría de L. Van Beethoven

FIN DE CURSO
Este ano celebrarase un concerto de fin de curso dividido en tres pases para que poida asistir o maior número posíbel de público. O xoves, día 9, ás 20:00 horas, haberá o concerto de Grao Elemental Vol.1, no Auditorio Ángel Cocho da Casa da Cultura. O venres, día 10, á mesma hora e no mesmo escenario, terá lugar o concerto de Grao Profesional Vol.2.

Finalmente, o xoves día 23, ás 20:00 horas na Praza da Música, celebrarase o concerto Vol.3 no que participarán as agrupacións máis numerosas, entre elas, Música e Movemento, Iniciación Musical, o Coro e a Banda, e os grupos de cámara.

NOTICIAS A LIMIA | Concertos didácticos do Conservatorio, o martes e o mércores en Xinzo