martes. 23.04.2024

O PSdeG-PSOE de Lobios celebra o investimento que o Goberno central realizará no municipio dentro do programa DUS 5000, no que se conceden axudas a proxectos singulares de enerxía limpa en municipios pequenos ou en risco de despoboamento. Concretamente, en Lobios destinaranse 346.241,06 euros para o alumeado público e 198.277,09 para a renovación de instalacións de alumeado público e implantación de tecnoloxías TIC no concello.

Os socialistas locais destacan que estas axudas permitirán mellorar o aforro e a eficiencia enerxética no municipio, a través da instalación de luces LED. Un investimento que foi conseguido gracias á colaboración do secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; e da deputada no Congreso, Uxía Tizón. Neste senso, cabe sinalar que o Concello de Lobios xa habilitou nun pleno municipal, e a través dunha modificación de crédito, unha partida de 101.287,89 euros para complementar este proxecto, que se levará a cabo nos vindeiros meses.

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Lobios, Iván Rouco, fai fincapé en que con este investimento, que se executará nos próximos meses, “levarase a cabo un cambio total do alumeado público no noso municipio, mellorando o consumo enerxético e permitindo un importante aforro económico as arcas municipais. O cabeza de lista dos socialistas no municipio tamén destaca que modernizaremos a vila e os seus núcleos de poboación e co aforro económico, poderemos destinar eses cartos a realizar investimentos noutras infraestruturas.

Rouco engade que “se trata dun proxecto moi ambicioso que conta con puntos de actuación para mellorar a eficiencia enerxética a nivel municipal”. Neste senso, pon de manifesto que con este proxecto “preténdese adaptar o concello ás enerxías do século XXI e xerar un importante aforro as arcas municipais, algo moi positivo para  todos os veciños e veciñas de Lobios, que ademais beneficiaranse directamente destas iniciativas”.

O obxectivo do programa DUS 5000 é dar un impulso ao Desenvolvemento Urbano Sostible, nos municipios de reto demográfico, mediante actuacións que constitúan proxectos singulares de enerxía limpa por exemplo proxectos de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas públicas, de fomento dos investimentos verdes e, en particular, do autoconsumo, así como de mobilidade sostible, facilitando o cambio modal e garantindo a participación dos municipios no despregamento da infraestrutura de recarga e impulso do vehículo eléctrico, incluíndo medidas de aforro enerxético e redución da contaminación lumínica mediante a mellora da iluminación pública. 

Lobios renovará o seu alumeado público grazas a unha axuda do Goberno central