sábado. 11.05.2024

O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia un novo episodio de “desleixo e abandono” por parte do goberno municipal do Partido Popular. Os socialistas critican o “lamentable” estado no que se atopan as pistas de acceso á parcelaria de Cartelle, que se encontran cheas de maleza ante a falta de limpeza por parte do concello.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Cartelle afirman que os accesos á parcelaria “están totalmente impracticables, pola ausencia total de limpeza destes camiños. Esta situación, din os socialistas, “repítese sistematicamente ano a ano, por mor da desidia do goberno municipal, o que converteu os accesos, as pistas e incluso as beiravías das estradas, en auténticas selvas, onde a natureza se abre paso e a maleza non deixa de aumentar”.

Os socialistas fan fincapé en que o Concello de Cartelle “está sumido no caos absoluto” da man do alcalde Jaime Sousa e da "alcaldesa na sombra", a senadora Carmen Leyte. Acusan aos populares de “mirar para outro lado, namentres a maleza invade o municipio e de facer caso omiso as reclamacións dos veciños e veciñas que viven unha situación límite”.

 

O voceiro do PSdeG-PSOE no municipio, Jesús Pereiras, afirma que a situación que se vive coa parcelaria de Cartelle “é insostible” e esíxelle ao goberno municipal “accións urxentes para a posta en valor e recuperación das pistas de acceso a mesma”. O concelleiro socialista reclámalle a Sousa e a Leyte que “se centren” e comecen a “traballar dunha vez por todas por mellorar un municipio que abandonaron a súa sorte durante décadas”.

Pereiras engade que Cartelle “non pode agardar ata as eleccións municipais para lavar a súa imaxe e rematar coas políticas de desleixo e abandono do Partido Popular”. O voceiro socialista recalca que “xa vai sendo hora de que os populares lembren cal é o seu papel e asuman as responsabilidades propias de gobernar un concello, entre as que se atopa o coidado e mantemento das zonas verdes, das pistas e camiños de acceso a parcelaria e do patrimonio municipal para uso e desfrute dos veciños e veciñas”.

O PSdeG de Cartelle denuncia "desleixo e abandono" das pistas de acceso á parcelaria