sábado. 05.10.2024

O PSdeG-PSOE levará novamente ao Parlamento de Galicia a situación que afecta ao municipio de Cartelle, onde 30 anos despois de iniciarse a concentración parcelaria, máis de mil propietarios continúan a día de hoxe sen recibir os seus títulos de propiedade. Os socialistas denuncian que a Xunta “non moveu un só dedo para resolver a situación” e piden solucións “urxentes para a veciñanza afectada.

A referida concentración parcelaria iniciouse no ano 1993, finalizando entre 2006 e 2007. No seu momento foron 1200 os veciños que destinaron as súas fincas a esta concentración parcelaria, buscando sacar produtividade destas terras, pero o proxecto “quedou completamente abandonado pola Xunta.

A parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, explica que en data do 15 de abril de 2022, “defendemos en comisión unha proposición non de lei referida á parcelaria de Cartelle, pero a pesar de contar co apoio unánime dos tres grupos políticos que forman parte da cámara -PP, PSdeG-PSOE e BNG-, ata o de agora nada se fixo. Ante esta situación, a deputada socialista sinala que “queremos coñecer os pasos que deu a Consellería de Medio Rural dende xuño de 2021 ata a actualidade, en relación a entrega destes títulos”.

Rodríguez Dacosta, que levará unha iniciativa para que o goberno galego responda de forma oral e por escrito en comisión e en pleno, tamén quere coñecer “por que motivo non foron entregados os títulos de propiedade e cando pensa proceder o goberno galego a entrega dos mesmos”. A deputada socialista considera que ante esta problemáticaé a Consellería de Medio Rural a que debe dar unha solución inmediata, para pór fin aos graves problemas que teñen os propietarios, por non dispor dunha escritura que certifique a titularidade dos terreos.

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, urxe as institucións que “se poñan a traballar canto antes para dar solución a un problema que ven arrastrado de varias décadas” e critica a postura de Medio Rural, xa que tal e como apunta “escúsanse e desvían o tema, en lugar de buscar solucións e asumir a súa responsabilidade”.

O edil socialista critica que as políticas do PP no rural “non dan ningún tipo solución ao abandono sistemático do territorio e non serven para loitar contra o despoboamento e apunta que, no caso de Cartelle e desta parcelaria, “queda demostrado que non hai ningún tipo de interese por evitar que se abandonen as terras, nin en que se convertan en terreos produtivos aos que sacarlle partido”.

Pereiras Vázquez tamén fai fincapé en que os veciños de Cartelle “vense obrigados a desprazarse ata as oficinas agrarias na procura dunha certificación, cada vez que precisan solucionar algún problema relativo coas súas parcelas. Motivo polo que lle esixe ao goberno galego que “deixe de mirar para outro lado e aporte solucións inmediatas para estes veciños e veciñas”.

O PSdeG denuncia a situación parcelaria de Cartelle, onde 1.200 afectados non teñen...