jueves. 25.04.2024

O PSdeG-PSOE de Entrimo xa ten candidato para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. O actual alcalde da localidade, Ramón Alonso, repite como candidato co obxectivo de seguir traballando día a día a prol da veciñanza e apostando por uns servizos dignos e eficiente en beneficio da veciñanza do municipio.

O actual alcalde de Entrimo subliña que se presenta a estas eleccións motivado polo "compromiso" e por "unha vocación que veño exercendo nos últimos anos e que me da as forzas para continuar ao fronte dun grupo de xente moi comprometida e a loitar polo futuro do noso concello". Alonso destaca a "importancia" do rural e apunta que, "a pesar da difícil situación que atravesa o rural, especialmente en Ourense, temos claro que a aposta ten que pasar por aproveitar os recursos naturais que nos converten nunha zona cun atractivo turístico indiscutible".

 

Alonso tamén pon o foco na Reserva da Biosfera Transfronteiriza do Xurés, a máis grande de Europa, e da que afirma que "temos que seguir dedicando boa parte da nosa acción diaria para potenciala e para que ser converta no referente que merece ser". Ademais, o candidato e alcalde do municipio engade que "hai que botar man doutros recursos como son o forestal ou o gandeiro, onde tamén temos unha importante baza que xogar".

O candidato socialista destaca que a partir destes eixos de fondo, "a nosa loita é traballar día a día porque os servizos básicos da veciñanza se manteñan nun nivel óptimo de prestación". Alonso tamén fai fincapé na necesidade de "traballar para ampliar a oferta cultural, recreativa e lúdica, que consegue que a veciñanza se xunte, conviva e manteña esa identidade de pobo pola que pelexamos dende fai tantos anos". 

O socialista Ramón Alonso repite como candidato á alcaldía no Concello de Entrimo