viernes. 04.10.2024

Esta fin de semana chega a segunda edición do Festival provincial de percusión VibraVerín, unha oportunidade única para gozar das músicas do mundo ao vivo. Logo do éxito da primeira edición, a organización do festival aposta por novas sorpresas e actividades que poñen de manifesto a espectacularidade da forma máis antiga de instrumentos musicais.

Dende este venres e ata o domingo, Verín acollerá a celebración do VibraVerín 2023, organizado polo Conservatorio de Música de Verín, a ANPA do Conservatorio e coa colaboración do Concello de Verín. Un festival aberto á participación de toda a veciñanza que amosará os diferentes estilos do amplo mundo da percusión, no que haberá representación limiá con alumnos da Escola de Música de Xinzo.

Este ano, as músicas galega, africana, brasileira e clásica serán as protagonistas do VibraVerín. Actividades, obradoiros e concertos participativos que se desenvolverán en diferentes escenarios da vila. O Auditorio municipal, a Alameda e as prazas da Merced e García Barbón acollerán os ritmos dos golpeteos da percusión.

VibraVerín ofrece a oportunidade de participar nos obradoiros de percusión gratuítos e abertos a toda a veciñanza. O sábado terá lugar o Obradoiro de percusión tradicional galega, con Álvaro Rúa e a Banda de Gaitas Nova Era, na Alameda de Verín ás 18 horas. O domingo, Obradoiro de iniciación á Batucada con Andrés Rivero; na Alameda de Verín, ás 11 horas. Será necesario inscribirse a través do mail: [email protected]

Programación

Venres, 19 de maio, no Auditorio municipal de Verín ás 20 horas.
Concerto compartido de percusión. Actuación do alumnado dos conservatorios de Verín e Carballiño e das Escolas de Música de Cangas do Morrazo, Poio, Allariz e Xinzo de Limia. Como convidado especial, participará a Academia de Artes de Chaves.

Sábado, 20 de maio, Praza García Barbón.
13.30 horas: exhibición de percusión africana con Andrés Rivero.
19.30 horas: exhibición de Percusión Tradicional Galega con Álvaro Rúa e a Banda de Gaitas Nova Era.
20 horas: Odaiko Percussion Group, música, percusión e humor.
21 horas: Batucada Percúcar, comeza na Praza García Barbón e percorre as rúas do centro de Verín.
22:30 horas: Banda Bacana, música de baile latinoamericana con textos en galego.
00 horas: Disco Mono, cos Dj’s Andrés Mixós e Roberto K.

Domingo, 21 de maio, Praza da Merced.
13 horas: batucada brasileira con Andrés Rivero.

VibraVerín, toda a programación para sentir os ritmos da percusión