viernes. 26.04.2024

A Ruta do Cocido regresa a Trasmiras con normalidade para celebrar a súa 12ª edición. No 2022, a covid obrigou a aprazala ata marzo e agora recupera a súa data, o primeiro domingo tralo Nadal, para converterse na primeira proba BTT do ano na provincia. Este evento deportivo, que organiza o Club BTT Nocelo co apoio do Concello, terá lugar este domingo con saída ás 9:30 horas do Pavillón Municipal.

A proba contará con dous percorridos, un de dificultade baixa de 38 quilómetros e outro de media, 48 quilómetros, que transcorrerán polos camiños rurais dos concellos de Trasmiras, Sarreaus e Cualedro. A Ruta do Cocido afiánzase cada ano e, no 2022, pese á pandemia, foi outro éxito de participación con 240 participantes chegados de varios puntos da provincia, de Galicia e de España.

 

O especial desta proba é que, como ben indica o seu nome, celébrase acompañada dun gran xantar no que o cocido é o protagonista. Esta xuntanza para repoñer forzas terá lugar no restaurante Casa César de Viladerrei. As prazas dispoñibles coa comida incluída -110- xa se esgotaron, pero aínda se pode participar sen ela. O custo da inscrición é de 10 euros e o prazo remata o 12 de xaneiro ás 00:00 horas. As anotacións na XII Ruta do Cocido de Trasmiras pódese facer efectivas a través da web do club BTT Nocelo.

A entrega de dorsais comezará ás 8:00 horas no Pavillón Municipal de Trasmiras e os participantes terán que presentar o DNI ou o xustificante de inscrición. A saída será neutralizada no primeiro tramo, mentres o indique o director de marcha. Os que asistan disporán de avituallamento, ubicado en varios puntos do percorrido; un obsequio para cada un por parte do club, servizo de ducha, lavado de bicicletas e chocolate con bica. A chegada dos primeiros participantes está prevista en torno ás 12:00 horas.

Cartel da XII Ruta do Cocido de Trasmiras.
Cartel da XII Ruta do Cocido de Trasmiras.

 

NOTICIAS A LIMIA | A primeira proba BTT do ano chega a Trasmiras coa XII Ruta do Cocido