viernes. 26.04.2024

O presidente da  Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos, asinaron no Pazo Provincial un convenio de colaboración para a construción do novo cemiterio parroquial de Vilaseca. O goberno provincial achegará este ano 150.000 euros a este proxecto, que prevé iniciar as súas obras nos vindeiros meses, cun orzamento inicial duns 200.000 euros.

Baltar valorou este acordo como "un exemplo máis do beneficiosa que resulta a cooperación entre as administracións, permitindo levar a cabo todos aqueles proxectos que os concellos desexan e que serven para mellorar o benestar dos veciños da provincia". Ademais, engadiu que "esta Deputación sempre traballará a carón dos concellos para coñecer a súa situación e colaborar en todo aquilo que redunde no seu propio desenvolvemento".

Pola súa banda, o rexedor de Trasmiras destacou a importancia do compromiso de financiación por parte da Deputación e sitúa esta actuación como "absolutamente fundamental", xa que o actual composanto da parroquia, completo, non ten posibilidade de ampliación.

Despois dun "longo procedemento administrativo", o equipo de goberno está nestes momentos pendente da autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para levar a pleno o plan parcial e, posteriormente, trasladalo á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva. A continuación, segundo explicou o rexedor, será o momento da realización do plan de execución e a adxudicación da obra, que prevé o seu comezo no segundo semestre do ano co respaldo económico da Deputación.

NOTICIAS A LIMIA | O Concello de Trasmiras recibirá 150.000 euros para un novo cemiterio