miércoles. 06.11.2024

A finais da semana pasada, o alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos, asinou un convenio co presidente da Deputación, Manuel Baltar, para colaborar na financiación da residencia de maiores que se prevé construír na localidade. Este proxecto xa conta cos terreos sobre os que se edificará, malia a negativa dun reducido grupo de socios da comunidade de montes titular dos terreos, apoiados na súa loita polo BNG local. 

Manuel Rodríguez Ayuso, líder dos socialistas en Trasmiras e secretario da comunidade de montes onde se atopan os terreos, asegura que o "que máis interesa nestes momentos é facer unha residencia", polo que o proxecto ten o seu "total" apoio. Pese a isto, a iniciativa tamén está a sufrir trabas, non só burocráticas. "Hai xente que non está de acordo con que se faga aí, pero eu creo que ten que prevalecer o ben da maioría sobre a minoría", recalca.

Nestes momentos, a única ubicación na que se podería construír a residencia son estes terreos, xa que son urbanizables. "Prácticamente, todos os veciños están de acordo, salvo unha pequena discrepancia cuns poucos, pero como ben sabemos, a maioría é a que move as decisións", sinala. Rodríguez Ayuso comenta que "cada un terá os seus motivos" para non favorecer a saída adiante deste proxecto, aínda que recoñece a importancia de valorar o "ben da maioría, que neste caso está claro".

O socialista pon de manifiesto a necesidade de que este proxecto se faga realidade, xa que ao non ter residencia, os maiores que precisen deste tipo de atención vense na obriga de ter que marchar de Trasmiras. "Hoxe, co tipo de poboación que hai nesta provincia, o servizo dunha residencia é indispensable en calquera concello, incluso ata un centro de día para apoiar ás familias", resalta Rodríguez Ayuso.

O alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos, sinalou na firma do convenio coa Deputación que a residencia de maiores é "un dos proxectos polos que máis temos loitado para que sexa unha realidade no menor tempo posible, tanto polo grupo de goberno como parte da oposición e veciños".

NOTICIAS A LIMIA | A oposición socialista, a favor da residencia de Trasmiras polo "ben...