Venres. 29.03.2024

O alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos, acompañou ao Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, nunha visita ao viveiro de produción de planta hortícola de Marta Vidal, no concello de Trasmiras. Marta Vidal é unha das beneficiarias das axudas da última convocatoria para a incorporación de mozos á actividade agraria, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.


Alén destacou que na provincia de Ourense accederon a estas axudas  57 mozos, sumando un total de 2.315.000 euros. Unha nova orde de axudas da Consellería do Medio Rural destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de persoas mozas e ao desenvolvemento de pequenas explotacións contan cun orzamento global de 37,5 millóns de euros, ten como prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 9 de marzo. 


No que se refire ás achegas para a incorporación de mozos ao agro, poderán beneficiarse delas persoas con máis de 18 anos que non teñan cumpridos os 41 na data de presentación da solicitude. 


Deben comprometerse, ademais, a manter a actividade durante un mínimo de cinco anos. Subvencionaráselles a execución do plan empresarial cunha contía básica establecida en 25.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.


Tamén se referiu o Delegado Territorial ao apartado destinado aos plans de mellora: aprobáronse 81 solicitudes, cun importe 2.367.101 euros na provincia; e con respecto ás axudas específicas para pequenas explotacións; en Ourense, 16 instalacións foron beneficiadas cun total de 240.000 euros.

NOTICIAS A LIMIA | O alcalde de Trasmiras visita con Gabriel Alén o viveiro dunha...