sábado. 27.07.2024

A Xunta impulsa un novo servizo cultural que chegará mañá a Trasmiras. A "furgoteca", unha biblioteca móbil que percorrerá varios concellos da Limia, achegará a súa selección de libros, revistas e outras prestacións á veciñanza dende as 15:00 horas ata as 20:00 horas deste mércores, na Praza do Concello.

Trasmiras é a primeira parada en Ourense desta iniciativa, que a Xunta pon en marcha coa colaboración dos concellos que que non dispoñen do equipamento cultural dunha biblioteca. Esta unidade móbil é un espazo aberto a toda a veciñanza que busca facilitar o seu acceso á lectura, á información e á aprendizaxe.

Os usuarios poderán acceder a préstamos de libros, revistas e outros materiais, recibir asesoramento e recomendacións de lectura, xestión de carnés de usuarios, formación, acompañamento e resolución de dúbidas no eido dixital e organización de actividades culturais como obradoiros, clubs de lectura ou contacontos, entre outros.

As persoas que sexan titulares dun carné da Rede de Bibliotecas de Galicia terán acceso a este servizo. Para aqueles que non o teñan, dispoñen da posibilidade de conseguilo na propia "furgoteca" ou de xeito telemático a través desta ligazón.

O servizo de préstamo ofrece a oportunidade de ler ou consultar, durante un tempo determinado e de forma gratuíta, todos os materiais da biblioteca. Dispón dunha ampla e variada colección de libros, de todos os xéneros literarios, informativos e de consulta e aqueles adaptados a persoas con diferentes necesidades lectoras. Ademais, ten cine, videoxogos, prensa diaria, revistas e tamén dispositivos electrónicos, como tabletas, consolas e lectores de libro electrónico, para facilitar o acceso aos contidos dixitais.

Interior da "futgoteca" que mañá visitará Trasmiras a partir das 15:00 horas.
Interior da "furgoteca" que mañá visitará Trasmiras a partir das 15:00 horas.

NOTICIAS A LIMIA | A "furgoteca" da Xunta levará libros este mércores a Trasmiras