viernes. 19.04.2024

Emilio Pazos, alcalde popular de Trasmiras, conseguiu sacar adiante os orzamentos do Concello para este ano. A oposición de nacionalistas e socialistas abstívose. Votou a favor o grupo de goberno, que comezou agradecendo un acordo previo, para adiar o pleno unhas semanas, favorecido pola oposición.


Trasmiras presenta unhas contas cun investimento de 122.275 euros. A maior parte do gasto irá destinado ás actuacións nas piscinas municipais. Outro gasto relevante, distribuído en diferentes partidas, será o mantemento de infraestruturas.


O alcalde advertiu que o 87% do gasto vaise en gastos correntes. Este gasto suma 883.858 euros; o orzamento é de 1.006.133. A partida de persoal supón 461.000 euros.


“Son uns orzamentos reais e estritos”, insistiu o alcalde, que dixo que non inclúe posíbeis ingresos, como a taxa por unha granxa que está en trámite ou subvencións que o goberno local ten solicitadas pero aínda non sabe certo se recibirá.


A respecto das subvencións, manifestou que “optamos a todas as que podemos, e facemos unha reserva de cartos para poder asumir os gastos que nos poidan corresponder nalgunhas delas, como o do IVE, por exemplo”.


A portavoz nacionalista, Mar Alonso, foi a que máis reparos expuxo as contas. Preguntou polo aumento do gasto nos velorios e pola transferencia polo servizo de canceira á Deputación. O alcalde explicou no primeiro caso que se trata de prever avarías que se produciron nos servizos eléctricos, e agradeceu o aviso no segundo, “houbo un erro e corrixirase, acabamos de aforrar 1.250 euros grazas a vostede”.

“En 16 anos aínda non subimos nin un só imposto dos que dependen de nós, e do que tratamos é de xerar as condicións para que veña vivir xente aquí, e ter máis recursos”, asegurou o alcalde.

Pleno municipal en Trasmiras. Maio 2022 (2)
Mar Alonso, portavoz do BNG, no pleno municipal onte en Trasmiras.

Ese foi o ton do debate dos orzamentos, no que o alcalde avanzou cuestións referidas a futuros investimentos no parque empresarial e na Casa da Cultura. Malia a oposición pide máis. Máis investimento real. Pazos pechou o debate lembrando que “en 16 anos aínda non subimos nin un só imposto dos que dependen de nós, e do que tratamos é de xerar as condicións para que veña vivir xente aquí, e ter máis recursos”.


O pleno tamén acordou asumir a traballadora social que inicialmente daba servizo da Sandiás, Sarreaus e Trasmiras a través da xa desaparecida Mancomunidade. A oposición e o grupo de goberno coincidiron en que a prestación do servizo mellorará coa dedicación da técnica a un só concello.


Nunha sesión que se prolongou durante 3 horas, tamén se tramitaron os asuntos referentes ao novo cemiterio en Vilaseca e á organización do obradoiro de emprego con Laza e Sarreaus, así como o expediente para converter en persoal laboral, tras sentenza xudicial, o contrato dun traballador que acumulaba anos de contratos temporais no Concello de Trasmiras. Neste punto, o alcalde advertiu das limitacións para a contratación de persoal, e aventurou que coa nova lexislación estatal moitos concellos han ver incrementadas as dificultades para a xestión deste ámbito. 

NOTICIAS A LIMIA | O pleno de Trasmiras aproba un investimento de 122.000 euros