jueves. 18.04.2024

“Ante a crecente situación xerada polas administracións públicas de exclusión dixital para colectivos e cidadáns/ás, ao esixirlles o certificado dixital para moitos trámites administrativos, a Deputación de Ourense vai poñer a disposición da cidadanía un proxecto piloto de acompañamento dixital asociado ao Programa ChegOU [de apoio á natalidade]”, explícase nun parágrafo do convenio asinado este luns entre Manuel Baltar, presidente da Deputación, e Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras.


A veciñanza de Trasmiras accederá a unha atención “pública, presencial e personalizada no seu municipio”, di o acordo. “Á vez e en tempo real, a súa solicitude [de axuda para nais e pais, adoptantes ou titoras e titores] tratarase dixitalmente para que se xestione nos mesmos prazos e sen discriminación para ningún colectivo nin persoa”.


O convenio esixe do Concello de Trasmiras darse de alta no programa de xestión ChegOU da Deputación provincial, e a sinalar un responsábel de servizos sociais que se encargará da tramitación de cada unha das subvencións.


O convenio para este acompañamento dixital estará en vigor até o próximo 31 de decembro, e “poderá prorrogarse anualmente sempre que siga vixente o Programa ChegOu”.


O Concello de Trasmiras comprometeuse a lle dar publicidade a este acordo “para facilitar o acceso da cidadanía á administración electrónica” e poder “romper a barreira de acceso dixital existente”. 

NOTICIAS A LIMIA | Trasmiras adhírese a un programa de acompañamento dixital para...