miércoles. 08.05.2024

A reunión está prevista para o mediodía. O alcalde, Emilio Pazos, carga varias carpetas de documentos. Sae do seu despacho xunto a dous concelleiros do seu grupo, o PP. As veciñas e veciños esperan na primeira planta. Esperan a que chegue o alcalde para entrar xuntos no salón de plenos. Os saúdos son fríos, pero respectuosos.

En Trasmiras hai balbordo polo asunto da residencia. O 44% da poboación ten máis de 64 anos. O alcalde comprometeuse a iniciar as obras durante este mandato. Primeiro, promoveu a elaboración do plan xeral de ordenación municipal, e aprobouno. Nese plan recualificou uns terreos para convertelos en dotacionais. Despois acordou coa Xunta e coa Deputación axudas por valor de medio millón de euros para a construción. O Concello poría tamén 250.000 euros. 

Mais a propiedade dos terreos xerou o primeiro problema. A parcelaria convertera eses terreos en propiedade dos veciños de Trasmiras. Tiveron que formar unha comunidade de montes para alcanzar estatuto xurídico e poder negociar co Concello. Aí xurdiu o segundo problema. Un grupo de comuneiros, "catro", segundo o alcalde, negáronse a negociar. O alcalde ve detrás a man da oposición do BNG. 

Emilio Pazos convocou varias veces ás veciñas e finalmente conseguiu que se acordase a cesión. O Xurado de Montes valido o trámite en setembro pasado. Pero os comuneiros opositores apelaron. Cumpridos os prazos de  alegacións, o Xurado tomou a decisión definitiva en febreiro. "O 17 de febreiro levantamos a acta notarial da cesión", lembra o alcalde. 

A reunión comeza tranquila coa exposición do alcalde, pero unha das veciñas rompe as hostilidades. "Non te creemos. Onde están os cartos? Cando se vai facer a residencia?". O alcalde intenta sosegar os ánimos. O relato é complexo. Require tempo. Pero a veciñanza mete présa. Queren a residencia xa. "A nós estásenos botando a xente enriba. Din que firmamos unha cesión e non vén a residencia por ningures. Queremos prazos", esixe outro veciño.

Pazos conta que, malia o atraso, o traballo fundamental está feito: o anteproxecto, a cesión efectiva dos terreos, o informe de viabilidade urbanística, o informe de viabilidade económica.

Emilio Pazos pide paciencia. Di que a Secretaria municipal está alí, na reunión, para dar fe de que todo o que conta é o que está pasando e que está nos documentos. Explica que a oposición dalgúns comuneiros xa non atrasará mas o proceso. Xa só lles queda a vía contencioso-administrativa, e esa non afecta aos prazos. Pazos conta que, malia o atraso, o traballo fundamental está feito: o anteproxecto, a cesión efectiva dos terreos, o informe de viabilidade urbanística, e o informe de viabilidade económica.

Os veciños escoitan... pero teñen présa. O alcalde intenta chegar ao punto no que ofrecerá a solución. "Os cartos ímolos pedir de novo á Xunta, porque agora hai un convenio, publicado este mesmo luns no DOG, polo que se subvenciona con até 1,2 millóns de euros a construción de residencias", explica. E insiste, "como toda a documentación está feita, imos concorrer xa, aínda que o prazo de presentación remata o 30 de abril; e a partir do 30 de abril, se nos conceden unha axuda, arrancaremos coa licitación, e para esa parte xa temos tamén toda a documentación preparada".

Reunión de Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras, con veciñas, este venres na Casa do Concello. FOTO Noelia Caseiro (2)
Reunión este venres na Casa do Concello. | FOTO: Noelia Caseiro

Emilio Pazos confesa que, a maiores, volve negociar coa Deputación para ter outra fonte de financiamento, e conclúe avanzando o que será a esperada residencia. Terá 55 prazas e toda nunha soa planta. A licitación englobará o proxecto, a obra e a xestión posterior. Será privada, pero o alcalde asegura que incluirá cláusulas precisas nas bases para que se reserven prazas ás veciñas e veciños de Trasmiras e se prime a contratación de persoal con residencia en Trasmiras.

En Trasmiras, segundo os datos do IGE, en 2020 (último rexistro) naceron unha nena e un neno, e faleceron 29 persoas. O índice de avellentamento é alto, mais non son os datos máis alarmantes no conxunto de concellos da Limia. Todo está así. 
 

NOTICIAS A LIMIA | A veciñanza de Trasmiras mete présa coa residencia