jueves. 25.04.2024

A Confederación Hidrogáfica Miño-Sil (CHMS) e o Concello de Vilar de Barrio selaron un acordo, mediante o cal, a institución estatal se encargará da renovación das infraestruturas de saneamento e depuración do núcleo de Arnuide. O alcalde da localidade, Manuel Conde, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, asinaron o convenio que recolle a financiación, redacción do proxecto, a posta a disposición dos terreos, a execución e a posterior entrega das obras.

Este núcleo, que conta con 500 habitantes, verte as súas augas residuais en varias fosas sépticas, colapsadas por un funcionamento incorrecto, o que conleva unha escasa ou nula depuración das mesmas. Por outra banda, ditas infraestruturas de depuración encóntranse dentro do dominio público hidráulico, o que debe evitarse baixo o amparo da normativa vixente en materia de augas.

Co obxectivo de poñer fin a estes problemas, a CHMS construirá oito fosas compactas con filtro biolóxico, con capacidade variable entre 10 e 200 habitantes equivalentes. En cada unha das actuacións definidas, será preciso executar un colector que intercepte co existente e conduza as augas residuais á nova depuradora, así como outro de alivio ao río para a evacuación das augas.

As novas fosas construíranse fóra do dominio público hidráulico e demoleranse os antigos equipos de depuración que se atopan dentro do mesmo. O orzamento preciso que estiman supera os 800.000 euros -652.000 euros aportados pola CHMS e 173.000 euros polo Concello-, incluíndo o coste da redacción do proxecto, a execución do contrato das obras e a dirección facultativa do mesmo. A actuación levarase a cabo entre este 2023 e no 2024.

NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Barrio mellorará o saneamento e depuración do núcelo de...