sábado. 05.10.2024

Antonio Míguez, o alcalde de Vilar de Santos, e o partido que sostén en maioría absoluta (os sete concelleiros da corporación), Xuntos por Vilar de Santos, e a asemblea local do Bloque Nacionalista Galego en Vilar de Santos, liderada por Marcos Nogueiras e Rubén Colmenero, chegaron a un acordo para concorrer nunha única candidatura ás eleccións municipais de maio do próximo ano baixo as siglas do BNG.


As conversas entre ambas formacións iniciáronse a principios de ano, pouco antes da dimisión de Xoán Xosé Xardón como alcalde e a súa substitución por Antonio Míguez. Esta semana tivo lugar unha reunión que tanto Xuntos por Vilar de Santos como o Bloque avanzaron que ía resultar determinante. 


Nesta reunión produciuse un acordo inicial nos termos nos que se viña falando desde hai unhas semanas: presentar unha única lista baixo as siglas do Bloque. Está por decidir a fórmula que utilizará Xuntos por Vilar de Santos para participar no BNG, se como colectivo ou a título individual ou como independentes na candidatura. Tamén está por pechar a distribución dos postos na lista, aínda que a intención de ambas formacións parece que é que Antonio Míguez sexa o candidato á Alcaldía dentro de dez meses.


No ano 2012, Xoán Xosé Xardón e toda a estrutura que sostiña ao seu goberno, en maioría desde as eleccións dun ano antes, afastáronse do BNG para se integrar en Compromiso por Galicia. Repetiron a maioría absoluta nas municipais de 2015 e de 2019. 


Agora, nunha estratexia de cambio xeracional que xa avanzou Míguez cando asumiu a Alcaldía en marzo pasado, a formación de goberno topouse con que a reactivación do BNG na localidade deixouna sen os cadros máis mozos. O propio Rubén Colmenero participou da lista de Xuntos nas eleccións de 2019.


A intención de ambas formacións e empezar a traballar na candidatura a partir de setembro. Daquela coñecerase o candidato e a distribución de postos nunha lista que concorrerá ás eleccións coa aspiración de manter os 7 concelleiros, todos os da corporación.

AVANCE | Xuntos por Vilar de Santos acorda co BNG e haberá lista única nas municipais