sábado. 05.10.2024

Na Casa do Concello de Vilar de Santos este venres non é un día máis. A funcionaria que atende na segunda planta advirte cando se lle pregunta polo alcalde: “O alcalde dimitiu”. Nun dos despachos, o tenente de alcalde, quen será elixido alcalde nun pleno extraordinario mañá, entrevístase coa secretaria. A transición comezou. 

“E faise nun proceso normalizado e totalmente democrático, como todo o que facemos en Vilar de Santos”, di por teléfono o até hoxe alcalde, Xan Xardón, desde o seu traballo en Ourense. Xardón dimitiu onte, nun pleno convocado para iso. “Todo está dito”, insiste esta mañá. “Eu non quero ningún tipo de protagonismo, son dos que marcho en silencio”.

"É unha renuncia que se expuxo no grupo municipal e que se levou a asemblea, multitudinaria, de Xuntos por Vilar de Barrio. O acordo é unánime. Os meus compañeiros foron os primeiros en sabelo e despois seguiuse o procedemento administrativo establecido. É dicir, presentar a miña renuncia e que esa renuncia se faga efectiva en pleno. E xa está", comenta Xan Xardón ao Diario do Limia. 

Antonio Míguez, actual tenente de alcalde, leva comigo todo este tempo e é unha peza fundamental do equipo municipal. É un compañeiro excepcional, e mellor persoa. Vaino facer extraordinariamente ben como alcalde.”

Xardón leva case 17 anos como alcalde, baixo distintas siglas, pero sempre co mesmo grupo de compañeiros políticos. Nas sucesivas eleccións municipais desde 2007 a candidatura que el encabezou sempre conseguiu maioría absoluta. Apenas tivo oposición externa. E, dentro da súa formación, se a houbo, tampouco transcendeu. Agora abandona a primeira liña por motivos familiares.

"A xente que ten que coñecer os motivos da renuncia, coñéceos. Son estritamente persoais e nese ámbito deben quedar", subliña Xardón, que non abandona de todo; continuará como concelleiro até final do mandato dentro dun ano e dous meses. "O que teña que facer como concelleiro a partir de agora será o que me indique o alcalde. O día a día correspóndelle ao alcalde, e o resto faremos o que nos diga e o que poidamos aportar, como fixemos sempre".

"Tamén houbo unanimidade en quen debería ser o novo alcalde, e Antonio Míguez, actual tenente de alcalde, leva comigo todo este tempo e é unha peza fundamental do equipo municipal. É un compañeiro excepcional, e mellor persoa. Vaino facer extraordinariamente ben", asegura Xan Xardón. E cando se lle inquire polo seu sentimento nestes momentos en que se bota a un lado, di: "pois cun sentimento de normalidade e tranquilidade".

NOTICIAS A LIMIA | Xan Xardón: “Eu son dos que marcho en silencio”