O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, salientou o "compromiso firme do Goberno coa dinamización do rural e co aproveitamento sostible dos montes para evitar novos lumes na provincia". Fíxoo durante a presentación dos resultados do Proxecto CARES, celebrada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo, nun acto no que estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López.
O Proxecto CARES conta cun financiamento de 1,6 millóns de euros da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con fondos Next Generation. A iniciativa ten como finalidade fomentar o aproveitamento da resina e da castaña no noroeste peninsular, abranguendo Galicia, Asturias e o norte de León.
Eladio Santos explicou que, grazas ao papel da Subdelegación do Goberno en Ourense como axente dinamizador, foi posible poñer en marcha un proxecto piloto en Vilar de Barrio. Esta experiencia aposta pola produción conxunta e facilita o acceso á tecnoloxía directamente á base produtora da provincia, reforzando o tecido económico local ligado ao monte.
As actuacións desenvolveranse nas comunidades de montes de Parada e Rebordechao, onde se validarán modelos técnico-económicos que permitirán iniciar o vindeiro ano a resinación de 4.000 pinos, cun impacto directo na creación de emprego e na xestión activa do territorio.
O subdelegado agradeceu a implicación de todas as entidades participantes nunha "experiencia que contribúe a revitalizar o medio rural ourensán" e destacou o interese xerado entre a poboación, xa que o curso formativo desenvolvido en Vilar de Barrio contou con máis de 50 alumnos e alumnas. Santos subliñou que "a bioeconomía circular é unha aposta de futuro, porque demostra que é posible xerar alternativas económicas respectando e protexendo o patrimonio natural".
O consorcio do Proxecto CARES está integrado pola Fundación CETEMAS, como entidade coordinadora, a Fundación Cesefor, o grupo de investigación PROePLA da USC, PEFC España e a asociación de propietarios Juntas de Montes de Asturias.
