O Concello de Vilar de Barrio vén de iniciar os traballos arqueolóxicos no Castelo de San Xoán de Bara, considerado a maior fortaleza da Limia. A actuación está financiada cunha subvención de 30.000 euros da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, destinada a avanzar na recuperación e posta en valor deste xacemento arqueolóxico de máis de 16 hectáreas.
O proxecto céntrase na intervención no sector coñecido como Burato dous Mouros, un espazo de gran simbolismo para a veciñanza e clave para interpretar a evolución histórica do enclave, con vestixios que abranguen desde a Idade do Bronce ata a Idade Media, pasando pola Romanización.
Esta nova fase súmase a outras actuacións xa desenvolvidas nos últimos anos, como a instalación de paneis museísticos ilustrativos a cargo do artista Miguel Robledo ou a creación dun roteiro de sendeirismo de baixa intensidade, sinalizado e deseñado para o goce das familias.
Coa posta en marcha destes traballos, o Concello de Vilar de Barrio continúa a súa aposta por transformar o Castelo nun espazo cultural e turístico de referencia, aberto á cidadanía e ás persoas visitantes. A estratexia combina a conservación dun patrimonio excepcional cun modelo de desenvolvemento rural sostible, ligado ao coñecemento e á valorización do territorio.