O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da X xornada de convivencia de agrupacións de voluntarios de Protección Civil, un evento que tivo lugar no Santuario da Nosa Señora dos Milagres, situado no termo municipal de Baños de Molgas. A cita institucional e formativa logrou reunir a máis de 350 participantes procedentes de 54 agrupacións operativas en toda Galicia.
A xuntanza, deseñada como un espazo de encontro, intercambio de experiencias e mellora da coordinación de emerxencias, contou no seu acto de apertura coas intervencións de Luis Menor; do alcalde de Baños de Molgas, Manuel Fernández Movilla; do presidente das AVPC da provincia de Ourense, Clemente Pérez; e do director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva.
Na súa quenda de palabra, Luis Menor reivindicou o voluntariado de Protección Civil como o mellor reflexo do espírito solidario da veciñanza ourensá. O máximo responsable provincial puxo en valor que a provincia de Ourense sitúase á cabeza do voluntariado en Galicia, igualando en número de agrupacións, cun total de 75, a unha provincia tan poboada como A Coruña. Do mesmo xeito, trasladou o seu agradecemento polo labor que cualificou de "impagable" dos 1.231 voluntarios ourensáns que demostran a cara "máis xenerosa" dun territorio rural e disperso.
O presidente provincial incidiu en que esta implicación adquire un valor engadido se se ten en conta a particularidade demográfica e xeográfica ourensá, marcada por un territorio extenso, profundamente disperso e cunha poboación envellecida que vive en núcleos rurais illados. Menor aproveitou a ocasión para estender o recoñecemento ao traballo que realizan as 237 Agrupacións de Protección Civil en Galicia, as cales suman preto de 4.500 voluntarios. Segundo apuntou, estes efectivos son os primeiros en chegar e os que mellor coñecen cada camiño e cada veciño, actuando como un apoio indispensable para os corpos profesionais ante situacións meteorolóxicas adversas ou na organización de eventos de masas.
Por todo elo, o presidente da Deputación de Ourense reafirmou o compromiso da institución provincial de seguir investindo en recursos materiais, plans de formación e loxística para mellorar a operatividade diaria das agrupacións de Protección Civil.
