lunes. 07.10.2024

“Non falamos de cartos, porque non estamos aínda nese momento, pero podo dicir que atopei moita sensibilidade por parte do presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) con todo o que ten a ver coas augas na Limia”, explica Antonio Míguez ao Diario do Limia este xoves, despois da reunión de onte con José Antonio Quiroga.


A intención do goberno de Vilar de Santos é completar as obras na Rúa do Seixo, no núcleo da capitalidade do concello. As dúas primeiras fases supuxeron un investimento duns 300.000 euros. “Posibelmente sexa a actuación máis importante neste mandato, había que canalizar a luz e as infraestruturas das augas. O que lle pedimos á Confederación é que bote unha man coas canalizacións fluviais”, comenta Míguez.


“Non é para xa mesmo”, matiza o alcalde, “pero foi un primeiro paso e temos o compromiso de que eles se encargarían do estudo e do proxecto”. 


A Confederación Hidrográfica Miño Sil ten en marcha varios proxectos de calado na Limia. Os máis importantes están en Xinzo: Trandeiras, a presa de Faramontaos, e o saneamento da marxe esquerda do Limia. Mais tamén está traballando con outros concellos, como Baltar e Vilar de Barrio, onde está pendente unha intervención sobre presas no Arnoia que a veciñanza quere manter.
 

NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Santos recorre á CHMS para rematar obras na Rúa do Seixo