Unha iniciativa solidaria para dinamizar a vida social durante as festas

Vilar de Santos celebra a súa primeira Gala Benéfica de Nadal impulsada pola xuventude

O Concello de Vilar de Santos organiza a súa primeira Gala de Nadal.

A mocidade de Vilar de Santos organiza este sábado unha Gala Benéfica de Nadal no salón multiusos do concello, unha iniciativa que nace coa vontade de dinamizar a vida social e cultural do municipio durante as festas do Nadal. O evento dará comezo ás 16:30 horas e está concibido como unha cita aberta a todos os públicos.

 

Esta primeira edición da gala preséntase como unha proposta diversa e participativa, na que a música, o teatro, o entretemento e o espírito propio destas datas terán un papel protagonista. O salón multiusos estará decorado para a ocasión, converténdose nun espazo de encontro para veciños e veciñas, co obxectivo de fomentar a convivencia, a participación cidadá e a implicación da xuventude na vida do concello.

 

Programa da I Gala Benéfica de Nadal do Concello de Vilar de Santos.

 

Desde o Concello de Vilar de Santos destacan a ilusión, o esforzo e o traballo realizado pola mocidade para sacar adiante esta iniciativa, que aspira a consolidarse como unha cita anual no calendario cultural do municipio. A gala conta ademais coa colaboración da veciñanza e de diferentes persoas, comercios e entidades locais que se suman a esta proposta solidaria.

 

Con esta primeira Gala Benéfica de Nadal, a mocidade de Vilar de Santos dá un paso máis no seu compromiso coa comunidade, promovendo actividades que fortalecen os lazos sociais e contribúen a encher o concello de ilusión nunhas datas especialmente sinaladas.

 

A organización quixo agradecer de xeito especial a colaboración de Pepe Anís, Lumecú, Carabuñas, Centro Social, Sabor de Aldea, Parrillada Sport, Peluquería Cupelos, Arca da Noe, Ultramarinos Chon e Manola, Farmacia de Vilar de Santos, Faragullas, Zona Franca, Mel da Inés, Patatas Jalys, o Punto de Atención á Infancia de Vilar de Santos e o Centro de Día de Vilar de Santos, cuxo apoio fixo posible a celebración desta primeira gala.