A Xunta de Galicia recoñeceu o traballo de vinte e un centros educativos e unha aula hospitalaria de toda a comunidade polo seu labor a prol da convivencia escolar, o benestar emocional e a inclusión. Na provincia de Ourense, tres centros foron galardoados nestas convocatorias de excelencia, destacando de xeito singular dous colexios situados nos nosos ámbitos comarcais: o CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia e o CEIP O Castiñeiro do municipio de Laza.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, fixo entrega en Santiago de Compostela dos galardóns correspondentes á edición de 2025 dos premios
Tolerancia cero fronte ao acoso escolar, ConVivimos de convivencia e benestar emocional, e Boas prácticas de educación inclusiva. Estas iniciativas constitúen un dos eixes prioritarios da política educativa galega, que sitúa a diversidade e a seguridade das aulas no centro do seu plan de acción.
No eido local, o CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia alzouse co segundo premio na categoría de Educación Infantil e Primaria do certame Tolerancia Cero. O colexio limiao recibirá unha dotación económica de 4.000 euros polo desenvolvemento de proxectos innovadores dirixidos á prevención, detección e erradicación de conductas de acoso e ciberacoso entre o alumnado. Pola súa banda, o CEIP O Castiñeiro de Laza obtivo o terceiro premio na categoría de Primaria dos galardóns ConVivimos, recibindo 1.000 euros de dotación polo deseño de metodoloxías destinadas a mellorar o clima de aula, a mediación de conflitos e o benestar emocional.
Durante o acto, o conselleiro subliñou que estas liñas de traballo veranse reforzadas coa aprobación do novo Plan para o impulso da atención á diversidade de Galicia, que entrará en vigor no vindeiro curso 2026-2027. Esta estratexia prevé a incorporación e consolidación de 400 docentes especialistas máis e unha maior dotación de recursos materiais para avanzar cara a un ensino máis personalizado e eficiente. Así mesmo, apuntou ao recente lanzamento do Contrato de Vida Digital como unha ferramenta pioneira para implicar ás familias e promover un uso responsable da tecnoloxía dentro e fóra das aulas.
