martes. 08.10.2024

MeteoGalicia rexistrou onte xoves, 14 de xullo, outra temperatura máxima en Xinzo de Limia na serie histórica que arranca no verán de 2002. O termómetro marcou 40,1 graos ás 14:00 horas e repetiu esa medición ás 14:30 horas. É dicir, por apenas unha décima, ambos rexistros superaron o de 40º anotado menos de 24 horas antes (ás 15:30 do 13 de xullo).  

O teito da temperatura máxima rexistrada en Xinzo nos últimos 20 anos produciuse tan só tres horas antes de que os termómetros desen conta da súbita caída da temperatura pola aparición das tormentas. A estación da rede meteorolóxica galega en Xinzo anotou ese fenómeno ás 17:50 horas. Dez minutos antes (17:50) a máxima era de 31,1 graos, e en apenas dez minutos descendeu até os 24 graos. 

O día comezou, como os anteriores, cos termómetros por riba dos 30º xa as oito da mañá. Ás 09:50 horas estaban xa por riba dos 35 graos, e o aumento de temperatura na serie cada dez minutos foi constante: 37º ás 11:10; 38º ás 11:50; 39,2º ás 13:00. Até superar os 40 graos nos rexistros das dúas e das dúas e media da tarde.

O descenso polas tormentas foi aínda máis brusco. Dos 31,1º ás seis menos vinte da tarde pasouse en apenas vinte minutos aos 21,5 graos. A máxima continuou en descenso até os 19 gras ás 21.30 horas, cando a fronte de tormentas aínda deixou algunhas chuvias. 

Este venres, aínda que houbo unha breve tormenta ás 07:00 horas en Xinzo, comeza con máximas máis altas que onte. E nos rexistros das 06:00 horas xa se superaban os 20 graos. A previsión de MeteoGalicia para este 15 de xullo é que se alcancen os 40 graos de máxima en Xinzo. Será o sexto día consecutivo con máximas por riba dos 35º en Xinzo. Mañá sábado e o domingo, as máximas baixarán algo, pero continuarán por riba dese valor. 


 

NOTICIAS A LIMIA | Novo récord xusto antes da tormenta