miércoles. 13.11.2024

Veciñas e veciños de San Pedro de Laroá saíron a rúa botar man dun cable que se desprendeu por efecto da tormenta e ameazaba aos vehículos máis altos que transitaban pola estrada OU-304. Aconteceu contra as oito da tarde. Segundo as veciñas, a forte chuvia fixo que cedera un dos apoios do cable nunha vivenda e un camión arrastrouno ao seu paso.


O cable descendeu desde a casa até unha altura de apenas dous metros nunha das beirarrúas. Un veciño subiuse a un muro e colleu o cable para elevalo cada vez que pasaba un camión ou unha furgoneta para evitar accidentes. Mentres outras veciñas alertaban aos vehículos en circulación. Así estiveron durante máis de media hora. Unha das veciñas chamou á Garda Civil, que deu aviso á Policía Local que apareceu finalmente pasadas as 20:30 horas.


Ás 20:40, mentres a Policía Local con alertas luminosas calmaba o tráfico e chamaba á compañía responsábel do mantemento do tendido, o veciño continuaba sobre o muro sostendo o cable.

Lume no Larouco, consecuencia da caída dun raio
Lume no Larouco, consecuencia da caída dun raio na Xironda, esta tarde.

As tormentas que a media tarde afectaron a toda a provincia tamén causaron varios incendios por caída de raios. Sucedeu no Larouco, na faldra sur na parroquia da Xironda. O lume, que se declarou pouco despois das seis da tarde, avanzou rapidamente debido ao vento cara o norte. Ás nove da noite, Medio Rural fixo unha primeira valoración da superficie afectada: unhas 30 hectáreas. 


Na imaxe, tomada desde Tixós ás 20:30 horas deste xoves, aprécianse as columnas de fume detrás dos aeroxeradores do parque eólico do Lauroco. Efectivos do servizo de extinción de incendios vixiaban esa hora, cando xa non podían voar as aeronaves, o avance do lume. 


Segundo a oficina en Galicia da Axencia estatal de meteoroloxía, no país caeron desde as seis da tarde máis de 4.000 raios en tormentas que ían do sur cara ao norte. 

EFECTOS DA TORMENTA | Veciñanza tendo conta dun cable para evitar accidentes en San...