NOTICIAS A LIMIA | Os nenos conciéncianse sobre os problemas da obesidade infantil

Os nenos do CEIP de Sarreaus participaron este martes na charla sobre obesidade infantil. | FOTO: Noelia Caseiro.

O persoal sanitario do centro de saúde de Xinzo retomou este martes as charlas sobre obesidade infantil, "a nova pandemia", que o pasado mes de novembro comezaron a achegar ós centro educativos da Limia. Cynthia Suárez e Natalia Santiago, dúas MIR de Medicina Familiar e Comunitaria, foron as encagadas de impartir estas charlas cos máis cativos, neste caso dos colexios de Vilar de Barrio e Sarreaus.

Esta iniciativa comezou co obxectivo de que os nenos coñezan as consecuencias para a saúde da obesidade infantil e dunha mala alimentación. O persoal sanitario aprecia unha importante aumento de sobrepeso entre os máis mozos da Limia, polo que conciencialos do que pode causarlles no futuro é importante.

Despois da pandemia, este problema que xa existía agudizouse máis, polo que os sanitarios de Xinzo buscan a implicación da comunidade educativa para mellorar a saúde dos máis pequenos. A obesidade infantil non é só unha preocupación estética, tamén pode ocasionar hipertensión, diabetes infantil ou fígado graxo.