sábado. 27.04.2024

O subdelgado do Goberno, Emilio González Afonso, reuniuse hoxe en Ourense con representantes de Unións Agrarias, a Asociación de Produtores de Pataca da Limia, o Sindicato Labrego Galego, FRUGA e ADEGAL. A reunión, para tratar as medidas que debe tomar o Goberno diante da situación do sector, produciuse mes e medio despois da protesta en Xinzo o 25 de marzo pasado, cunha tractorada con máis de 300 tractores polas rúas da capital da comarca.

Da reunión informou hai uns minutos o sindicato Unións Agrarias por medio dun comunicado no que dá conta que na reunión falouse “da crise de rendibilidade que afecta ao sector produtor e solicitar medidas de apoio que permitan facer fronte á suba de custos de produción sen precedentes”.

“Un produtor de pataca da comarca da Limia está a gastar hoxe unha media de mil euros diarios en gasóleo. Unha contía inasumible para as rendas de agricultores e gandeiros, que non están a beneficiarse da bonificación aos combustibles aprobada polo goberno central", indica a nota de prensa. Esa foi unha das queixas presentadas diante do subdelegado do Goberno en Ourense, a quen os produtores lle trasladaron unha batería de propostas destinadas a aliviar a grave situación”.

Unións Agrarias, continúa o comunicado, aposta por un gasóleo libre de impostos para as explotacións e pola aplicación de bonificacións á enerxía para explotacións agrogandeiras e comunidades de regantes.

Nas últimas semanas, nin a Asociación de Produtores de Pataca da Limia nin o Sindicato Labrego Galego, quixeron facer valoración ningunha sobre a falta de resposta das Administración ao ultimato lanzado aquel 25 de marzo polo sector no Toural, en Xinzo, pedindo unha interlocución inmediata. Polo momento, a Xunta só tratou co sector o proxecto de regadío. Cos sindicatos non hai noticia de reunión ningunha.
 

AVANCE | O subdelegado do Goberno recibe ao sector primario mes e medio despois da...