Cualedro acolle o Campionato de España e Galicia de Parapente con 60 pilotos
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou esta mañá no Concello de Cualedro o Campionato de España e Galicia de Parapente de Precisión, que se celebrará entre os días 31 de xullo e 3 de agosto na parroquia da Xironda, aos pés da Serra do Larouco. A cita, que conta co apoio da Xunta de Galicia, situará unha vez máis a esta contorna como referente no turismo deportivo e activo.
Lete Lasa destacou o papel da Federación Galega de Aeronáutica e do Club Voolarouco, organizadores do evento, e puxo en valor o traballo desenvolvido xa no 2024, cando Galicia acolleu por primeira vez o Campionato de España de Parapente na modalidade de distancia libre. Este ano, a competición estatal regresa á provincia de Ourense, pero nesta ocasión na especialidade de precisión.
Durante o acto tamén estiveron presentes Víctor Baladrón, deputado autonómico; César Manuel Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; e o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero.
O secretario xeral enxalzou as condicións topográficas da provincia de Ourense, que a converten nun enclave privilexiado para o deporte ao aire libre, destacando especialmente o potencial da Serra do Larouco para a práctica do parapente. "É un verdadeiro polo de turismo activo", asegurou.
Tamén fixo referencia ao impulso da Federación Galega de Aeronáutica, que conta con preto de 500 licenzas federativas, e quixo destacar ao deportista galego Daniel Rizo, campión de España na modalidade XC en 2023 na categoría serial. A competición xa conta con 60 participantes inscritos de 13 nacionalidades, entre os que se atopan dez mulleres.