Sábado. 10.12.2022
Califican de "grave" a situación na comarca

NOTICIAS A LIMIA | O PSdeG critica á Xunta pola "total inacción" na contaminación de acuíferos

O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco.
O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco.

O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, alertou esta semana da "inacción total" da Consellería do Medio Ambiente para controlar a contaminación de acuíferos na Limia, á que calificou como o "maior inimigo do noso medio natural". Nunha pregunta presentada no Pleno do Parlamento, o socialista advertiu que o "desleixo" do goberno galego é "un crime contra o medio ambiente e a nosa saúde".

Na súa intervención reclamoulle ao goberno galego que "poñan freo á instalación de novas granxas industriais e á ampliación das existentes", ademais de encetar "políticas activas para ampliar a súa base territorial, controlar a xestión dos xurros e implicarse máis alá de grandes anuncios propagandísticos".

O problema de contaminación dos acuíferos calificouno de "grave", xa que ten levado á zona da Limia a unha situación "imposible" logo de 14 anos de goberno do PP. O socialista indicou que os populares continúan a negar esta contaminación, cando a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa alertara de incumprimentos nun 24% dos puntos de mostraxe tomados a finais de 2019.

O pasado mes de maio, din os socialistas, foi o Goberno de España o que publicou o mapa de contaminación por nitratos, no que alertaba de contaminación pola súa presenza en tres masas de augas superficiais situadas no río Limia e na canle da lagoa en Vilar de Santos, así como en dúas augas subterráneas en Xinzo e Sandiás e noutro par de puntos no pantano das Conchas.

Martín Seco pediu á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez,  que "tomen medidas", pero “para axudar á comarca da Limia a ter uns acuíferos limpos e non para financiar as cacicadas de Baltar". Pediu que empreguen recursos propios para construír as piscinas lúdicas en Bande, pero que "non enterren millóns de euros europeos e estatais destinados á mellora das augas da Limia e do encoro das Conchas para construír piscinas e reacondicionar termas".

NOTICIAS A LIMIA | O PSdeG critica á Xunta pola "total inacción" na contaminación de...
comentarios