sábado. 13.07.2024

O 4 de xuño de 2024 cúmprense 20 anos do pasamento de Antón Tovar e, con este motivo, o Padroado do Museo da Limia convocou un Certame Literario, patrocinado polo Balneario de Cortegada e o Hotel Bienestar Termas de Monção (Tesal Explotación SL).

O xurado do Certame decidiu, por unanimidade, premiar o poema “Tanto camiñei, camiñei tanto”, de Laura Valeria Gutiérrez Caneda. Ademais, o xurado adhírese ao acordo da Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia, do 24/05/2024, no que se reitera a solicitude de que a RAG dedique o Día das Letras Galegas de 2025 a Antón Tovar.

O premio do certame, patrocinado polo Balneario de Cortegada e o Hotel Bienestar Termas de Monção (Tesal Explotación SL), consiste nun bono para unha fin de semana en pensión completa para dúas persoas no Hotel Bienestar Termas de Monção (Portugal) e na publicación do texto na revista Tempos Novos.

A entrega do galardón terá lugar o sábado 15 de xuño ás 19:00 horas no Museo da Limia, nun acto onde a autora premiada lerá a súa obra. Tamén participarán alumnos e alumnas do CEIP Carlos Cid Arregui (Rairiz de Veiga), que recitarán poemas de Antón Tovar. Delfín Caseiro, presidente do Padroado e responsable da antoloxía de Tovar publicada por Xerais en 2023, fará unha breve semblanza da vida e obra do poeta da Pereira. O acompañamento musical correrá a cargo do cantautor valdeorrés Anxo Rei, que compuxo música para dez poemas de Tovar, recollidos no disco A rabela da pluma.

A obra poética e narrativa de Antón Tovar, caracterizada pola súa autenticidade e alta calidade literaria, mantén plena vixencia nos nosos días. A convocatoria deste certame literario por parte do Museo da Limia busca ser unha nova chamada á sociedade galega para valorar o extraordinario legado creativo do autor ourensán.

Desde o ano 2021, centenario do nacemento de Antón Tovar, o Museo da Limia promove diversas iniciativas para difundir a obra de Tovar e solicitar a dedicación do Día das Letras Galegas ao poeta da Pereira. En 2022, foi entregado na sede da Real Academia Galega un completo expediente que recollía varios centos de sinaturas de adhesión cidadá e numerosos documentos apoiando esta causa.

NOTICIAS A LIMIA | O poema "Tanto camiñei, camiñei tanto", premio "Antón Tovar"